MEDOMEDA GRAVARA VIDEOCLIP PARA O FESTIVAL DE CANS

Máis de 30 estudantes da Universidade de Vigo formaranse no proxecto Can Campus coa realización de tres videoclips


O Festival de Cans e a Universidade de Vigo poñen en marcha esta iniciativa por segunda vez logo do éxito da edición anterior
O proxecto supón a realización de tres videoclips de Glasgow, MeDoMedÁ e Banda Crebinsky, que se gravarán en abril en Cans
Participan estudantes de Comunicación Audiovisual, os veciños de Cans, os realizadores Juan Lesta e Belén Montero e os grupos implicados


  • O PORRIÑO, 28 DE FEBREIRO DE 2012.- Cans volverá converterse nun espazo ara a
    formación audiovisual na segunda edición de Can Campus. Estudantes de
    Comunicación Audiovisual teñen a oportunidade de formarse e coñecer as dinámicas
    profesionais participando na realización de dous videoclips de grupos galegos
    emerxentes, Glasgow e MeDoMedÁ. Gravaranse na parroquia porriñesa que acolle o
    festival, coa dirección profesional e académica dos realizadores Juan Lesta e Belén
    Montero. Ademais, outro grupo de alumnos integraranse no equipo de gravación dun
    videoclip de Banda Crebinsky e un cuarto grupo realizará o making off das gravacións
    e unha campaña publicitaria viral para promocionar o festival. Os videoclips
    estrearanse no Festival de Cans e serán emitidos a través de V Televisión.
    En total, máis de 30 estudantes universitarios participarán neste proxecto. A
    mediados de abril gravaranse os videoclips en Cans, xuntando nesta aldea a máis de
    75 persoas entre estudantes, profesores, grupos musicais e veciños implicados na
    gravación. Trátase dunha iniciativa de creación e formación audiovisual impulsada
    pola Universidade de Vigo, a través da Facultade de Ciencias Sociais e da
    Comunicación de Pontevedra, e polo propio Festival de Cans. Conta co patrocinio da
    Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da empresa de eventos Oide, e coa
    colaboración de V Televisión.
    Can Campus celébrase por segunda vez logo do éxito do ano pasado, coa gravación
    dun videoclip do grupo Sinestesia. Este ano os impulsores da idea, o director do
    festival Alfonso Pato e o profesor Oswaldo García, decidiron ampliar o proxecto a
    máis grupos, buscando a participación dun maior número de estudantes. Hoxe
    presentaron en Pontevedra a edición de 2012, xunto co decano da Facultade de
    Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Corbacho, o director de Agadic, Juan Carlos
    Fernández Fasero, e o director de cine Enrique Otero.

    Formación e creación
    Juan Corbacho destacou o achegamento ao mundo profesional que Can Campus
    permite ao alumnado: “é unha oportunidade para a formación universitaria moi
    interesante, ao integrar os alumnos no contexto dunha produción audiovisual
    profesional. Tamén é moi útil para promocionar as industrias audiovisual e musical”.
    “Deberían existir máis proxectos deste tipo”, dixo Fernández Fasero, subliñando a
    capacidade de Can Campus de “poñer en contacto ao alumnado cos profesionais e
    achegalos ao mundo real, ao facer nun prazo moi curto todo un proceso que
    normalmente precisaría moito máis tempo”.
    Alfonso Pato definiou Can Campus como unha das actividades do Festival de Cans
    máis satisfactorias. “Puxémolo en marcha coa intención de que Cans lle devolvese aos
    creadores audiovisuais e aos grupos musicais que están empezando todo o que os
    novos realizadores lle deron ao festival”. Para ao director do festival, “Can Campus é un pequeno máster para os estudantes, que teñen a oportunidade de facer un traballo moi enriquecedor tutelado por realizadores expertos. Demostra que os festivais son ferramentas útiles que é necesario apoiar”. Neste sentido, Pato lembrou que as producións galegas que triunfaron nos Goya estaban hai un ano xa presentes no Festival de Cans.
    O proceso
    Can Campus arrancou cunha convocatoria na Facultade de Comunicación para
    escoller os dous mellores proxectos de videoclips e o mellor dos spots propostos. A
    partir de aí iníciase un proceso de traballo coordinado e supervisado por Juan Lesta e
    Belén Montero, realizadores cunha ampla experiencia na dirección de proxectos
    audiovisuais relacionados coa música: con videocreación, instalacións audiovisuais,
    sesións en directo (vj) e videoclips para grupos como Astrud, Fangoria ou La Buena
    Vida, entre outros.
    Ao longo do mes de marzo farase o traballo de preprodución e localización. A
    mediados de abril gravarase en Cans e a partir de aí os estudantes traballarán na
    posprodución para estrear as pezas no Festival de Cans, do 23 ao 26 de maio. Nos
    proxectos participarán os veciños de Cans: na localización previa de espazos, nas
    tarefas de produción, e nalgún caso, como actores e figurantes nos clips.
    MeDoMedÁ, Glasgow e Banda Crebinsky
    MeDoMedÁ é unha banda de rock que ten a ironía, a diversión, a contraculturae a
    lingua galega como sinais de identidade. Formárona en 2008 músicos xa
    experimentados, e desde entón veñen ofrecendo directos cheos de retranca e bo
    humor, ao tempo que preparan os temas do que será o seu primeiro disco. En Can
    Campus farán o videoclip para o tema “Quero ver como te ris”.
    Glasgow é un grupo da zona de Compostela formado por Álex, Roi, Lino, Jacobo e
    Borja, cinco mozos influenciados polo rock de Lou Reed, Cat Power, Los Piratas, Led
    Zeppelin ou Katy Perry. Co proxecto Can Campus gravarán o seu primeiro videoclip, o
    da canción “Tormenta de verano”.

    Este ano incorporouse unha nova pata ao proxecto. O grupo Banda Crebinsky gravará
    o seu novo videoclip en Cans e integrará no equipo de traballo a un grupo de alumnos
    e alumnas de Comunicación Audiovisual. Estará dirixido por Enrique Otero, director
    do filme Crebinsky. Banda Crebinsky é a responsable da música do film. Con ese
    primeiro disco actuaron en toda Galicia e en festivais de cine en cidades como Málaga
    e París. O clip “Un piato” formará parte do lanzamento de Jet Lag, segundo álbum da
    banda