concurso “Novo Son” da Radio Galega

Ata o 15 de abril os participantes poderán inscribirse neste certame de músicas emerxentes nas categorías de Pop-Rock ou Músicas Urbanas e do Mundo
Entre os premios, gravar unha maqueta e participar no Festival Derrame Rock 2012.


Santiago, 16.03.2012.- A Radio Galega pon en marcha, desde este xoves 15 de marzo e ata o 15 de abril, a 2ª edición do concurso de músicas emerxentes “Novo Son”, un certame co que a emisora pública galega pretende descubrir e difundir o talento musical de grupos e solistas en Galicia.
Os participantes poderán inscribirse en dúas categorías, Pop-Rock ou Músicas Urbanas e do Mundo. En cada unha destas categorías a audiencia da Radio Galega outorgará dous premios. Amais destas distincións,  un xurado especializado, integrado por profesionais no eido musical galego, decidirá a canción gañadora en cada unha das categorías.  
 “Novo Son” está aberto á participación de todos os grupos e solistas maiores de 16 anos. Os aspirantes deberán enviar una canción orixinal, de creación propia que teña letra en galego. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de abril de 2012 e as bases do certame poden consultarse na páxina web www.radiogalega.es/novoson. Os traballos presentados iranse publicando e poderán escoitarse nesta mesma web e nos distintos programas da Radio Galega.
Gañadores e Premios
Os gañadores serán elixidos en dúas fases. Por un lado, a audiencia da Radio galega seleccionará as cancións finalistas, en cada unha das categorías, a través de chamadas en directo nos distintos programas da emisora galega, con mensaxes SMS ou  emitindo votos a través da Internet. Desta selección, a audiencia outorgará, en cada unha das categorías, o ‘Premio Teléfono’ e o ‘Premio Internet’. Os gañadores terán a posibilidade de gravar unha maqueta nos estudios da Radio Galega e actuar nun dos programas da Televisión de Galicia.
Noutra fase os sete grupos ou solistas con maior número de votos en cada categoría pasarán a ser cualificados por un xurado especializado que decidirá as cancións gañadoras que participarán no Festival Derrame Rock 2012, que se desenvolverá en Ourense os días 28, 29 e 30 de xuño e no que participarán grupos tan recoñecidos como Los Enemigos, Rosendo, Loquillo, Burning, Doctor Explosion, Sepultura ou Novedades Carminha, entre outros