A TRIBO TODA BAILA CONCERTO UNICO EN OURENSE DE OS RESENTIDOS

Ourense, 31 de xaneiro de 2012.- Logo de 18 anos sen subir xuntos aos escenarios, volven Os Resentidos. O grupo máis influínte do rock en galego regresa ao directo nun concerto único que se celebrará o 12 de maio ás 21 horas en Ourense. Co título “A Tribo Toda Baila”, o concerto será unha celebración de trinta anos de música feliz, no que a formación viguesa estará acompañada dunha longa lista de convidados e precedida de dous grupos claves na escena musical galega actual: O Sonoro Maxín e Novedades Carminha.

O concerto celebrarase no recinto de Expourense. Ata o 1 de abril as entradas poden adquirirse ao prezo especial de 6 euros máis gastos de distribución a través da web www.osresentidos.com. O concerto está organizado por Fankani Produccións, co patrocinio do Concello de Ourense.

“A Tribo Toda Baila” presentárono hoxe en rolda de prensa a concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez, o integrante de Fankani Producións, Xurxo Seara, e os protagonistas do regreso: Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto. Son tres dos catro membros da formación orixinal, que agora se volven reunir para este concerto. Só falta Alberto Torrado, “que seguro que subirá ao escenario a tocar algún tema”, sinalou Reixa. “Tamén tentaremos convencer a Xavier Devesa”, que xunto a Reixa e Torrado completou a última formación dos Resentidos no 94.

 No espectáculo “A Tribo Toda Baila”, Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto, membros da formación orixinal, compartirán escenario con convidados e cos grupos actuais O Sonoro Maxín e Novedades Carminha

Claves no rock galego
Ao longo de doce anos, Os Resentidos desenvolveron unha carreira musical que deu para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e un bo feixe de cancións perennes como Galicia sitio distinto, Jei!, Manda Carallo, Sector naval ou Galicia Caníbal (Fai un sol de carallo), un himno bastardo que traspasou fronteiras e xeracións. Con letras críticas e irreverentes revestidas de rock esquimal, funk depresivo, rap, pop e folk, cantan en galego e para o mundo, sen complexos e con vocación expansionista. A súa proposta marcou unha época, logrou celebridade fóra de Galicia e influíu de maneira determinante nas xeracións vindeiras do rock galego.

“Daquela eramos o único grupo que facía rock en galego e agora hai 80 ou 100 grupos que non teñen o eco que deberan ter”, sinalou Reixa, que engadiu que “se teño que destacar unha frustración, sería esa: a nosa traxectoria non serviu para asentar unha industria musical galega”. Moitos deses grupos actuais participarán nun disco homenaxe que se está preparando e que sairá publicado canda o concerto.

Críticos e inconformistas
Reixa, que prometeu que se vai “preparar fisicamente para afrontar este concerto”, comparou a década dos 80 cos tempos actuais. “Aqueles eran tempos frívolos, pero de inmensa tolerancia e liberdade”. “A actualidade é case tráxica. Nas nosas cancións dos 80 falabamos da reconversión naval en Vigo e Ferrol, cuns índices de paro do 20%. Agora só é explicable a paz social porque existen os resortes da economía sumerxida. Por iso seguiremos cantando o mesmo no 2012 que no 82”, apuntou Reixa.

A concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez, tamén destacou que Os Resentidos teñen plena vixencia na actualidade. “Son críticos, inconformistas, irreverentes, indignados... as súas letras radicais dificilmente pasan a vara de medir o politicamente correcto e, sen embargo, parecen traxes feitos á medida da sociedade actual. As cancións teñen máis de vinte anos, pero parecen inspiradas polo último Telexornal”, sentenciou.

www.osresentidos.com
www.facebook.com/osresentidos
www.twitter.com/os_resentidos
comunicacion@osresentidos.com