Para escoitar THE BROSAS preme eiqui
Bernardo (guitarra e voz),
Lorenzo (baixo),
Rubén (guitarra) e
Gara (batería).
Burela espétase no Cantábrico coma unha machada nunha torada ou, como lle din na Mariña, coma unha brosa. Os burelenses levan xeracións baténdose indiscriminadamente co mar, e semella que esta liorta de namorados non se decidirá tampouco nos vindeiros séculos.
Tanta bravura herdada tiña que cristalizar dun xeito ou outro, e no caso que hoxe nos ocupa isto aconteceu en 2009, cando catro rapaces decidiron artellar un comando sonoro de demolición ao que baulizaron como The Brosas,
Non hai moito veñen de presentar o seu primeiro e homónimo traballo, gravado nos estudios Bonham da Coruña; unha arroutada guitarreira en sete capítulos que homenaxea con argumentos propios a voz güisqueira de Lemmy Kilmister e malfadados riffs daqueles AC/DC dos 70.
Nunha mestura alquímica de velocidade bocalán e carraxe vital, o vento destila polos cabos das guitarras até os amplis, onde muta nunha enorme man que te agarra e non te ceiba até facer de ti un monicreque. A fórmula non é nova, mais hoxe non imos definila cunha manchea de manidos epítetos (que se punk, que se metal, que se hard-rock, que se pílulas oí). O resultado está aí para escoitar; iso si, se non adoitas porte repugnante coas vellas estructuras do rock de hai dúas ou tres décadas. Aquí só atoparás forza , sinceridade e respecto polos antergos, as tres cousas precisas para sair a loitar co mar.
Contacto:
Teléfono de contacto: Rubén 625443360
Mail: thebrosas@gmail.com
musicaengalego the brosas
musica en galego the brosas