TONHITO DE POI

Para escoitar TONHITO  DE POI preme eiqui

Maruja da Cansela é unha historia de amor feita canción. Unha carta real escrita nos anos 20 polo emigrado José Ramón a Maruja, o seu querer alén do mar. É un arrebato de paixón a distancia. Un documento único da historia emocional de Galicia. O último single de Tonhito de Poi.




Tonhito de Poi é un home que soñou que era un Heredeiro da Crus cando estaba embarcado como cociñeiro no Mar Antilles, un barco de arrastre da flota de Riveira. Tivo a sorte de xuntarse con outros tolliños (Tuchiño, Avelino,O Jran fran e Javi) que tiveron o mesmo soño.
O primeiro ensaio dos Heredeiros da Crus foi nun galiñeiro en Poi no ano olímpico de 1992. O seu 1º debut foi na festa da Dorna. O primeiro disco, A cuadrilla de pepa a loba, sae un ano máis tarde e conmociona o panorama musical. Despois seguiron 7 discos máis incluído o primeiro directo de Rock en galego. Foron reclamados para tocar dende Londres ata N.Y. Os Heredeiros da Crus saen nos libros de texto da educación primaria e da universitaria.
No ano do Prestige, Tonhito de Poi sinte a chamada á gran rebelión e embárcase nun proxecto galaico-portugues que lle implica 3 anos de traballo. Nace A Banda de Poi e no seu disco MOR participan algúns dos artistas máis vangardistas da terra lusa e galega. Mención especial ó desaparecido Juca Rocha, mestre do Hammon que tocou con Elton Jhon e deixou no disco auténticas xoias.
A Banda de Poi sorprende tanto pola estética musical, unha fusión da sintesis e rock, coma por cancións como a de Prisciliano e di que é o está enterrado na Catedral de Santiago. A Banda de Poi foi presentada oficialmente en Novembro do 2005 en Santiago de Compostela na Sala Capitol e en Portugal no festival internacional de Vilar de Mouros.
Tonhito de Poi recibe esta vez a chamada do instinto, atraca a porto A Banda de Poi e monta a "manada" Rasa Loba, formación contundente e precisa de guitarras, baixo e batería. Nesta nova aventura os Rasa Loba só precisan dun enchufe para tocar e fano practicamente tódolos días do verán do 2007. As letras exploran na natureza humana. Sacan un disco chamado Instinto
Tonhito de Poi tamén é un lobo solitario, o ano pasado percorreu tódolos cafe-teatros co seu acústico Vestido perdo moito e agora presenta A Pelo. Un espectáculo inspirado no epitafio: Nada trouxen, nada levo, nada perdín. Onde tenta resolver canción a canción cal é o sentido da vida e convencernos de que só o amor é real.
Na primavera de 2011 Tonhito de Poi estreou unha nova banda rock, con Miguel Queixas á batería, Tito Calviño á guitarra e Francisco J. Leiro ao baixo, para percorrer os escenarios de toda Galicia e parte do estranxeiro interpretando os mellores temas dos Heredeiros e Rasa Loba, versións imposibles e novos temas de Tonhito de Poi. Entre estes últimos está Maruja da Cansela, unha carta de amor escrita por un emigrante galego nos anos 20 que Tonhito converteu en canción, e que se presentará como single xunto a un videoclip este verán.