XULLO 27, 28 V FESTIVAL ANTROSPINOS

O V Festival Antros Pinos achégase e xa se van sentindo os nervios, as ansias e as gañas. Os organizadores deste festival tentan mellorar e superarse cada ano. Para isto sempre se poñen en situación do espectador e sobre todo dos seus socios, pois se non for por eles isto non chegaría a ter a afluencia e o éxito que hoxe en día atinxiu. É sabido por todos que este festival nunca gozou de axudas económicas por parte de estamentos públicos como ocorre con outros festivais. A nosa primordial axuda ven do pobo rianxeiro, dos socios e da xente que participa nos eventos que se organizan anualmente e mais no propio festival. Tamén é sabido que a nosa asociación nunca renunciará á xa coñecida reforestación dos montes con árbores autóctonas, xa que foi a principal pedra roseta da nosa constitución coma asociación, polo que sempre tentamos que o noso público respecte a natureza , o lixo, e forme parte de todas as nosas actividades, pois a FAP non conquista a FAP seduce e as súas bases principais son as tradicións, a cultura, a lingua e a natureza.
Para atinxir todos estes obxectivos non chega coa colaboración dos membros da FAP nin coa dos socios, e menos cos tempos de crise que se están a vivir, e é por iso que pedimos un esforzo do público que asistirá este ano ao V Festival Antros Pinos, pois este ano cobraremos entrada aos non socios, iso si as 500 primeiras entradas recibirán un agasallo. Pensade que con este pequeno gasto económico estades a contribuír nunha gran axuda, para que esta Asociación siga facendo todas as actividades das que tanto gozades/gozamos. Dende a organización dámosvos a grazas adiantadas pola contribución e pola comprensión e citámosvos para a festa rachada os próximos 27 e 28 de xullo.
Prezos:
1 día 7€.
Abono(2 días) 10€.
Á venda en www.codetickets.com

Recibide un sentido saúdo da organización.