XULLO 6,7 FESTIVAL MUSICA NA NOITE CALO TEO

Músicas emerxentes e tracicionais converxen no 15º Festival Música na Noite
28/06/2012. Calo. Teo. A Asociación Cultural Lúa Chea presentou esta mañá, na Casa Común de Calo, en Teo, a 15ª edición do Festival Música na Noite. O festival vaise celebrar nas noites do venres, 6 de xullo, e do sábado 7, no lugar de Solláns, na mesma parroquia na que se presentou. No acto estiveron presentes os membros da A.C. Lúa Chea Xoán Carlos Portos, Ana Fernandez e Jesús Parajó, o concelleiro de Mocidade e Servizos de Teo, Xurxo Francos, o alcalde da localidade, Martiño Noriega, e o músico Leo i Arremecághona, que ofreceu unha pequena mostra da que vai ser a súa actuación no festival.
Xurxo Francos, membro da directiva da asociación, presentou os grupos, destacando os locais: Desequilibrio Mental, que participan na noite de Músicas Emerxentes (o venres 6, desde as dez e media da noite), e Os Devotos do Folclore 300, que participan na de Músicas Tradicionais (o sábado 7, tamén desde as dez e media). Salientou ademáis a actuación de Os Cempés, que volven aos escenarios nesta tempada de verán. Xunto con eles e Os Devotos do Folclore 300, a noite de Músicas Tradicionais vai contar coa presenza de Taghaitai, Vai Rañala e Homen Banda, que chega desde o Brasil. Na noite do venres actuarán O Sonoro Maxín, a Compañía do Ruído e Los Mighty Calacas, recén chegados de México. Entre actuacións, e a pé de barra, o Leo i Arremecághona vai presentar o seu espectáculo do “cantautor bomba”.
Francos detallou os servizos que ofrece o festival: acampada de balde “e á sombra”, aparcamento, barra, e un menú especial preparado pola veciñanza de Calo a base de callos, churrasco e bolos preñados. Animou á xente a participar e a consumir, pois esta é unha das principais fontes de ingresos do festival, xunto coa venda de camisetas e rifas ou as aportacións das persoas asociadas a Lúa Chea, que pasan das oitenta persoas.
Ao financiamento do festival tamén contribúe o Concello de Teo. O seu alcalde, Martiño Noriega, destacou o “orgullo do concello ao apoiar o festival” e recoñeceu o traballo da asociación, porque “se non houbera xente na asociación, este festival dificilmente sería organizábel” só polo concello. Salientou a vontade do concello de apoiar o tecido asociativo que fai cousas “da xente e para a xente”, e sinalou que as iniciativas culturais “máis que eliminalas, hai que vitalizalas”.
Por último, Leo i Arremecághona expresou a súa satisfacción por participar no festival. Comparou todas as pistas e camiños de Teo con un montón de “terminacións nervosas” que comparou coas que ten “o clítore dunha muller” e afirmou que “por iso me dá tanto pracer tocar sempre en Teo”. Para rematar, botou unha peza para presentar a que será a súa actuación na noite de Músicas Emerxentes do festival.
*Máis información:
Wb: http://musicananoite.eu/
Facebook: Musicananoite Teo