VAI TRIO




VAI é un novo grupo formado por Xosé Ramón Vázquez no acordeón, Roberto Santamarina no violín e Giao Rodrigues na guitarra e a mandolina. Os tres foron membros de Fía na roca, onde se coñeceron e tocaron xuntos nos últimos quince anos. Agora presentan este proxecto, un formato acústico adaptable a todas as situacións, sólido no musical e lixeiro na posta en escena.

A súa música é na maior parte de composición propia pero sen deixar de lado o mellor repertorio tradicional, do que interpretan varias pezas tentando darlles un aire orixinal, enérxico e cunha sonoridade diferente, recreando o popular para convertelo en algo novo, modelado cos arranxos e ideas duns músicos de hoxe en día.

Pretenden chegar a todos os lugares e audiencias posibles: desde un concerto acústico nunha pequena sala ata o escenario dun festival de verán. Todo está aberto, mesmo a transformación en quinteto cando a situación o requira, sumando a percusión de Carlos Castro e o contrabaixo de Pablo Pérez. E deste xeito agardan andar os camiños de Galicia e do resto do mundo para chegar a todos os lugares onde queiran apreciar o seu traballo.

Entón, agora a cuestión é: VAI ou non VAI? Escóitaos e verás.