FANNY E ALEXANDER


Son unha banda indie galega con base en Compostela que gosta de poñer a proba en cada unha das súas cancións os límites do Pop máis canónico, chimpando do pop acústico á indietronica máis arriscada, do chamber-pop orquestrado ao máis shoegazer e espacial, do sintético pop electrónico ao máis folkie e espido. Unha atitude rupturista que comeza coa fidelidade ao principio punk do Do It Yourself -autoproducindo os seus discos e realizando os seus propios videoclips e material gráfico-, continua con un compromiso co Copyleft e remata coa explotación a conciencia da infinda paleta de sons que proporcionan as novas tecnoloxías. En defintiva, poñendo os alicerces para a contemporaneización da nova música pop galega a base de machucar estilos, regras e etiquetas.


Discografia:


A tua ausencia neste ar (2022)

Doce anos son os que levan ausentes Fanny & Alexander da música galega. Un desterro obrigado pola teima do destino ao que poñen fin con "A túa ausencia neste ar", o seu cuarto disco longo. Un novo album no que, coma o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político, voltan a casa na percura do que foron.

un disco de querencia conceptual no que todas as cancións xiran arredor da perda, da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: os pais, os avós, un fillo, o amor, a consciencia dun mesmo, a individualidade coma persoa... Un fío argumental que tece saudoso nove novas cancións que aloumiñan sen drama nen remorso esa nostalxia que abrolla da perda, facendo das músicas ferramentas reparadoras.

O dúo compostelán continúa coa tradición dos seus anteriores traballos adubando versos emprestados de poetas galegas co seu pop saudoso carregado de experimentacións bastardas co folk, o shoegaze, a electrónica e mesmo a música de cámara. Nesta nova entrega a lista de autoras que emprestan as súas verbas é, felizmente, 100% feminina e máis longa ca nunca, tanto nas letras das cancións (Lorena Souto, Antía Otero, Arancha Nogueira, Marga Tojo, Ledicia Costas, Xess Mondelo e Charo Lopes) coma nos miúdos spoken words que arrolan por todo o disco (Lara Dopazo, Lucía Aldao, Alba Cid, Luz Fandiño, Theresa P. Lousame, Xela Arias e Nuria Vil).

O disco ten un formato físico pouco habitual, alonxado dos contaminantes plásticos: un lenzo coa capa do disco montado en madeira para poder pendurar onde tamén hai un código QR que che leva directamente á súa escoita en plataformas dixitais. Porén, máis alá da obrigada distribución comercial e seguindo co seu tradicional apoio ao Copyleft o disco tamén está dispoñíbel gratuitamente en múltiples formatos en www.fannyealexander.net

 
https://www.aregueifa20.net/2022/11/fanny-alexander-tua-ausencia-neste-ar.html

 

A túa ausencia neste ar

 Letra e música: Fanny & Alexander 

Spoken Word: Lucía Aldao

https://www.youtube.com/watch?v=SwbE2KqiWEs
 

A pantasma do espello

Baseado nun poema de Lorena Souto escrito ad hoc para o disco

https://www.youtube.com/watch?v=w5UPq7wsBtg

O Ruxir Da Túa Ausencia

https://www.youtube.com/watch?v=b9bmVSfBHoA

 

 

  Mentres todos os meus libros arden

con Lara Dopazo

Unha peza construida encol dun poema da poeta marinense Lara Dopazo, incluido no seu poemario "Claus e ao alacrán" (Premio Fiz Vergara 2018), que aborda o medo á perda dos seres queridos.

A videocreación foi realizada, como xa é habitual, pola propia banda e conta coa participación da propia autora, fechando así o círculo visual da participación sonora que tivo na canción en forma de spoken word.


Temas:

1. O tempo cura mais arrasa
2. A túa ausencia neste ar
3. A morte é mentira
4. O ruxir da túa ausencia
5. Xardín de inverno
6. A pantasma do espello
7. En cada ferida
8. Carregar o vacío
9. Mentres todos os meus libros arden




Alfaias (2009)
Os composteláns Fanny + Alexander están de volta co seu terceiro disco, Alfaias, de novo editado baixo licenza Creative Commons tanto en formato físico a traves de A Regueifa Discos coma en formato mp3 no netlabel A Regueifa Plataforma. Ao longo de once novos temas o duo percorre as distintas aristas do poliédrico Pop contemporáneo, indo dende o pop indietrónico de temas coma Setecentos e Espida de credo até o pop acústico e canónico de músicas coma Tardes de domingo e Na febre dos incendios, sen renunciar nunca á atitude experimentadora e permanente vontade de penetrar en estilos aínda inéditos na nosa lingua, coa firme vocación de levar o pop galego aos sons do século XXI. 


Finais dos 70s, comezos dos 80s (2007) 

Os composteláns Fanny + Alexander voltan con "Finais dos 70s, comezos dos 80s", un segundo traballo no que de novo estenden os límites do pop galego a base da mestura desacomplexada de estilos, tradicións e sensibilidades. Nos doce temas que fan parte do disco o dúo deixa poucos paus contemporáneos sen tocar, dende o pop electrónico de "María Silenzo", "Amei-te tanto" ou "Funcionaria ou estudante" até o ton New Wave de "Danzarei para ti... se botas outra moeda", pasando por experimentos coma "Postpunkdeirada" -un tema que ven ser un novo estilo musical en sí mesmo- ou "Cando eu era mozo", unha boutade en clave R n' B que soa coma o faría Timbaland se tivese o seu estudo nunha palloza do Cebreiro e no que participa coma convidado estelar Carlos Valcárcel AKA Projecto Mourente.


Lusco e fusco (2006)

 O dúo compostelán Fanny + Alexander fixo o seu debut coa edición de oito temas -sete cantados en galego e un en inglés-, englobados baixo o título de Lusco e Fusco, nos que, dende a liberdade que proporciona a postmodernidade máis militante e o desprezo absoluto polo mercado e as modas, mesturan elementos tan heteroxéneos coma melodías pop con ritmos tradicionais galegos, orquestracións barrocas coa electrónica máis arriscada ou rimas hiphopeiras con guitarras espaciais.

Sempre explotando a infinda paleta de sons que proporcionan as novas tecnoloxías: sintetizadores, guitarras -midi, acústica e eléctrica-, instrumentos clásicos, vocoders, acordeóns, caixas de ritmos, cordas orquestrais, clicks n' cuts, pandeiros... e por suposto o uso e abuso do sampling máis intensivo. En defintiva, poñendo os alicerces para a contemporaneización da música pop galega a base de machucar estilos, regras e etiquetas para, sen esquencer as propias raigames, xogar na mesma liga estética que formacións coma Hood, The Postal Service ou Electric President.


Podedes escoitala súa discografia en:

 https://fannyealexander.bandcamp.com/




Contacto: fannyalexander@gmail.com / (+34) 685886158



Web:
http://www.fannyalexander.net

https://www.aregueifa20.net/2022/11/fanny-alexander-tua-ausencia-neste-ar.html

Fanny + Alexander
en Facebook


musicaengalego fanny alexander
musica en galego fanny alexander