MARIA FUMAÇA LIBRO-CD-DVD



 MARÍA FUMAÇA, 
cantar e bailar para ser máis feliz!

Uxía, Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatro... e un mollo de artistas únense para botar a andar a locomotora musical máis divertida, atolada e sensible que nunca se viu. Un proxecto literario e audiovisual, constituído por un libro con CD e DVD destinado a celebrar a felicidade. Por iso, os temas musicais insisten na festa e fan bo o lema que preside todo o traballo: 'Cantar e bailar para ser máis feliz'. Ademais dos temas de música, nos que participa o máis importante da música galega, o DVD incorpora un mollo grande de clips, algúns deles con pictogramas, para que quen tamén quen necesita deste tipo de lectura poida gozala.

Estamos diante dun dos libro-discos máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua. Por moitos motivos. Pola nómina enorme de xentes da música galega que se uniron para cantar máis de vinte temas (cos seus correspondentes vídeos e karaoke) para celebrar a alegría de vivir. Mais tamén porque é unha defensa da vida fronte a discapacidade, que pode estar nos corpos pero nunca nas almas que queren gozar.

O proxecto María Fumaça gravita arredor de Ruí, que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar. É un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-CD-DVD cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas.

O traballo de ilustración, a edición dos videoclips, as letras… todo está pensado para facer realidade o lema co que abrimos María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz!