PROPOSTAS PARA O CULTURGAL 2012




88 entidades propuxeron 156 actividades para o programa oficial de Culturgal 2012

55 das propostas son musicais, 37 pertecen ás distintas pólas das artes escénicas, 31 ao sector editorial, 10 ao audiovisual, 7 ás novas tecnoloxías e 16 a outros gremios da creación cultural

A Feira das Industrias Culturais de Galicia terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro de 2012


PONTEVEDRA, 28 DE SETEMBRO DE 2012. Con máis de 150 propostas recibidas, o resultado da convocatoria aberta por Culturgal para a elaboración do programa oficial da edición 2012 dá boa conta da creatividade e do talento que hai en Galicia, a pesar do difícil momento que vive a industria. Esta creatividade e este talento, na forma de actividades de todos os gremios do sector cultural, encherán un ano máis Pontevedra co gallo da Feira das Industiras Culturais. A quinta edición da feira celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a fin de semana do 30 de novembro ao 2 de decembro de 2012.

Foron 88 as entidades que propuxeron as 156 actividades para o programa oficial de Culturgal. Destas propostas, 55 son musicais, 37 pertecen ás distintas pólas das artes escénicas, 31 ao sector editorial, 10 ao audiovisual, 7 ás novas tecnoloxías e 16 a outros gremios da creación cultural. Polo que respecta aos públicos, 93 das actividades propostas están pensadas para o público xeral e 63, para o familiar. A organización afronta agora a selección das propostas máis interesantes, dandolles prioridade a aquelas que experimenten con formatos de presentación singulares, non estandarizados, que incidan na participación do público, así como a aquelas que acheguen o público aos procesos creativos, impliquen a colaboración intersectorial e supoñan a estrea de produtos e proxectos novos, que teñan o Culturgal como primeiro lugar de presentación, acaben de ser publicados, presentados ou o vaian facer en pouco tempo.

TRABALLANDO MAN A MAN
Culturgal traballa man a man cos colectivos do sector na construción do fogar da cultura galega. A organización mantivo xuntanzas con máis de 50 asociacións sectoriais, institucións públicas e entidades privadas na busca de apoios e de ideas para a creación, un ano máis, do espazo colectivo que é a Feira das Industrias Culturais de Galicia. Nun momento difícil para as industrias culturais, Culturgal quere ser un elemento vertebrador que contribúa a solucións compartidas e a visibilizar conxuntamente a importancia do sector como motor económico presente e futuro e como fonte de innovación e emprego cualificado.

A CASA DA CULTURA GALEGA
Culturgal é unha romaría á que acoden cada ano miles de persoas na busca desas actividades que lle toman o pulso ao estado da industria creativa no país. Máis que unha feira, Culturgal é o fogar da cultura galega. Unha casa na que todas as empresas, persoas, asociacións e entidades que producen, desenvolven, difunden, xestionan ou comercializan produtos e servizos culturais no ámbito galego ou dende Galicia teñen o seu oco. Máis de 55 empresas e colectivos teñen xa reservado o seu espazo.

O prazo remata o 10 de outubro e, aínda que os prezos son moi axustados, a organización ofrece este ano ademais facilidades no pagamento dos stands, cunha nova opción: as empresas poden formalizar a contratación de espazo en calquera momento por tan só 100 € e abonar o resto unha vez finalice a Feira, beneficiándose da oportunidade comercial que supón o propio evento. As empresas que afronten a totalidade do pagamento no momento da contratación contarán cun desconto do 10% que se engadiría ao 15% de desconto que xa teñen as empresas e entidades asociadas a calquera das organizacións que forman parte da Asociación Culturgal.

A casa da cultura galega, como todas as casas, está dividida en cuartos, segundo os tipos de público e a natureza dos proxectos culturais que cada entidade expositora propoña:

O salón é un cuarto confortable e amplo no que se suceden as presentacións das últimas novidades editoriais e as conversas informais entre xornalistas e autores. Un fervedoiro de público e de ideas. O lugar perfecto para presentar e coñecer calquera proxecto relacionado coa industria editorial. Non moi lonxe, no cuarto dos nenos, sucédense as actividades para o público infantil e xuvenil de xeito continuo ao longo de toda a fin de semana. Obradoiros, exposicións, contacontos, maxia, teatro, danza, presentacións de libros e discos... dende a apertura da feira ata o peche, non hai un momento para aburrirse.

No outro extremo da casa está o patio, a área máis canalla da casa. Un bar con programación non stop de música, teatro e danza. En pequenas doses, para que dea tempo a dixerir todas as novidades. Entre pílula e pílula, vídeos cos grandes eventos culturais do ano. E, para fedellar coas pantallas e trebellos que forman parte ineludible da nosa vida e da nosa maneira de entender a cultura hai que baixar ao garaxe, o recuncho no que atopar e difundir todo o relacionado coa industria audiovisual, as novas tecnoloxías da información, os novos medios e, en xeral, calquera proxecto baseado na creación e na distribución dixital de contidos culturais.

Se é cultura, está en Culturgal.


TODA A DOCUMENTACIÓN
O Manual do Expositor e o Formulario de solicitude de stand. 
Consultade as memorias de Culturgal 2011 e Culturgal 2010
Revisade as Fotos de Culturgal 2011 e os Vídeos de Culturgal 2011


Máis información en:
Correo-e: comunicacion@culturgal.com
Web: www.culturgal.com
Flickr: http://www.flickr.com/photos/culturgal
Facebook: http://www.facebook.com/cultur.gal
Twitter: http://twitter.com/culturgal
Vimeo: http://vimeo.com/culturgal