ENTREVISTA A MAGHUA

Maghúa son un grupo afincado na vila d’A Coruña formado por catro homes…. Por que esta formación? No mundo da pandeireta as raiñas son as mulleres....

Maghúa. Bon, se somos homes, é por causa da providéncia, que nos dotou de certos órgaos... Nun comezo chegamos ser até trece mozos. Un número estupendo de voces. As cousas da vida, os planos, os estudos, os traballos, fixeron que o número fora reducindo-se, e a formación variando...
É certo que os grupos coñecidos que empregan pele, madeira e voz, basicamente son mixtos ou compostos unicamente por mulleres. Neste ponto non hai dúbida. As mulleres ocupan un lugar determinante dentro do canto tradicional. Porén, sempre houbo grandes pandeireteiros e cantadores homes (os que primeiro nos veñen à memória son Xosé de Vigo dos Toxos, Eugenio de Freaza, Angelito de Lordelo, Pepito de Barro de Arén...., desaparecidos hai relativamente pouco tempo; e outros: Pepin de Souto, Floréncio d’A Condomiña, Pepe d’A Costiña....).
Tamén é certo que antes de Maghúa houbo grupos de cantareiros (Pandeiromus, Tear de Llerena, Rumbadeira...) e que a dia de hoxe están rebentando muitísimos grupos con esta formación noutras tantas asociacións do País...
Puidendo escoller cantar con mulleres (tamén cantamos con elas, cando cadra!), optamos por ser un grupo formado exclusivamente por homes. Isto é, probabelmente, o que nos faga “diferentes”.

  Cando vos formastes e cais son os obxectivos do grupo?

Maghúa. Botamo-nos à água no natal de 2006. As primeiras pezas que montamos foron unha jota, unha ribeirana e un valse recuperados en Barro de Arén (Cerdedo, Ponte Vedra). Maghúa nasceu, principalmente, co obxectivo comun de pasá-lo ben, facendo que a xente o pase ben.... E, claro, recuperar e transmitir parte da tradición oral (tan rica) deste país chamado Galiza.

  Maghúa..., por que este nome?

Maghúa. “Manjúa” foi un termo mais ou menos amplamente utilizado na franxa cantábrica con múltiplos significados. Entre eles, o de cantidade de pesca que traian os barcos nas adegas cando tornaban ao porto –con este significado chegou o termo a Cuba, por exemplo-, banco de peixe azul.... Soubemos que con este último significado o termo mudou en “maghúa” nalgunha zona de Galiza. Sendo como somos peixe de tasca, moradores dunha vila con mar... o nome estaba praticamente atopado...

  En que sentido vos marcou o mar?

Maghúa. Moramos nunha vila aberta ao mar, como é A Coruña. Supón un elemento cotián, un meio de vida para muitísima xente, unha filosofia, unha posibilidade de lecer.... O mar, ou a mar, é un elemento notabelmente romántico que une, non separa....

  Como vos definides como grupo?
Maghúa. Maghúa é un grupo de cantareiros cando menos atípico. Fuximos de cair no “folclorismo”. Se ves as fotos e a edición do noso traballo, comprenderás isto... Somos un grupo contraditório en muitos sensos, tocamos tradición do País desde un ponto de vista contemporáneo..., sen adobios estraños. Por exemplo, algo que chama muito a atención a quen nos ve nos concertos, ou mira as fotos do disco, é que non vistamos (habitualmente) traxe tradicional. Entendemos que as persoas às que lle recollimos estas pezas entre vintecinco e dez anos atrás, non vestian ese tipo de roupaxes... E seguimos recollendo, e seguimos sen ver esa roupa....
As persoas que veñen às actuacións, agardan ver a catro mozos vestidos con chambra, calzón e polainas, e non adoitamos vestir asi....

  Veñen de editar o seu primeiro traballo discográfico, “Corricán”. Que vos pareceu a experiéncia? Contastes con algunha axuda, colaboración especial, etc.? Con que meios contastes? E, por que “Corricán”?

Maghúa. Plenamente satisfatória, a verdade. Pésie a estarmos xuntos durante muitas horas, na casa (gravamos na casa). Foi a primeira vez que gravamos todos xuntos, como grupo. Valeu-nos para muito, certamente. Sabemos como queremos gravar no futuro, ou mellor dito, como non gravar. Compactamos muito mais...
Maghúa sempre tivemos muitísima sorte cos amigos e amigas que temos. Se o redondo veu a luz e saiu como saiu foi grazas a isto... Contamos coa colaboura de Xurxo Souto na preparación dun texto, e duns curtes de voz que aparecen no disco...., que foi gravado por Agustin Sánchez (gaiteirazo d’A Coruña) co seu estudo portábel.... En canto ao deseño, tivemos a sorte de contarmos cos obxectivos de Juan Luis Rua e Luisa Patiño. As fotos son preciosas, e sacaron-nos realmente ben.... É curioso, porén vemo-nos ben, tanto que nos custa recoñecer-nos... O deseño é obra do amigo Xabier Juiz, que tamén colaborou, xunto co seu grupo (Salvador, a ver cando argallamos algo mais de xeito conxunto) na gravación dun tema.... Para rematar a obra, logo da publicación dun artigo sobre Maghúa no xornal “El País”, Inquedanzas Sonoras puxeron-se en contacto connosco e fixeron unha oferta de fabricación e distribución...
O resultado parece-nos surprendente. Gravado nunha habitación da casa, o son é bon, limpo... E o disco é un redondo que gostamos de ter na mao.
Corricán”, ou “curricán” é o nome dunha técnica de pesca respectuosa co meio, consistente en apañar as pezas unha por unha, valendo-se de canas, liñas e anzois. Era a técnica empregada para pescar atun.... Entre o nome do grupo e o do disco existe, xa que logo, unha relación. Gostamos de ver as recollidas como unha espécie de corricán...., respectuoso co elemento...

  Os temas son todos tradicionais.... E as coplas..., seguro que nalgun caso teñen criado polémica..... entre certo seitor do público....

Maghúa. Bon...., os once primeiros temas si, son tradición galega en estado puro e, como diciamos, sen adobios. Logo, vén un tema, o 12, que é un clásico do heavy metal británico, do Paranoid, de Black Sabbath... Quixemos facer un guicho a outras das músicas das que gostamos. Para iso, metimos unhas coplas sobre a billarda, deporte galego. A história deste tema é longa.... Estreamos este tema hai un par de anos, na final dun certame à que, por casualidade, chegamos... O resto dos grupos eran de rock.... Quedamos de segundos.
Se a polémica à que te refires é a do idioma...., entendemos que un grupo como o noso, ten que cantar o que recolle, tal e como o recolle... Cando gostamos dun tema dos que recollimos, procuramos escoller coplas en galego, porén non sempre é posíbel....

  Que pode agardar o público do “Corricán”? E dos concertos de apresentación?
Do disco pode agardar unha boa edición, e unhas gravacións feitas desde o respecto mais absoluto à nosa tradición oral concentrado en 53 minutos. . Procuramos dotar à gravación no seu conxunto dunha dose de “continuidade”, e achegar a quen o escuite ao cerne da “história”... Quen poña o disco nun leitor, saberá de que falamos. Quixemos devolver parte do cariño que a xente nos dou previamente...
Quen poña o disco a reproducir verá-se transportado a un concerto básico de Maghúa. Iso é.
Nos concertos de apresentación hai un pouco de todo. Tradición, música, respecto, baile... Os catro compoñentes somos bailadores. Gostamos muito de que a xente baile connosco, nas actuacións.

  Como está a ser a resposta tanto dos meios como do público?

Estamos completamente surprendidos. Desde a aparición do grupo sempre nos vimos arroupados pola xente e polos meios. No 2009 gravamos un programa da série ALALÁ, da TVG, e con iso acabamos de despegar. Desde aquela pasaron unhas cantas cousas, e sempre contamos co apoio dos meios. Levan aparecido artigos sobre o Corricán en El País, El Ideal, La Opinión, La Voz... Co gallo da apresentación en Barcelona, Europa press colocou-nos en todo tipo de xornais cataláns e barceloneses. Coas emisoras de rádio tamén tivemos sorte, e aparecimos en programas como Recendo ou Folk in Trio (CUAC FM), Lume na palleira e Tres peixes voando (Rádio Galega Música), A vivir Galicia (SER). Na TV, en programas como o LUAR (no que apresentamos o Corricán o pasado 23 de novembro), A Solaina.... E temos previsto sair na portada da revista dixital Sons da Galiza, no vindeiro número...
O público non nos surprende menos.... Muita xente agardaba a publicación do disco, e animou-nos a gravar. E a sua resposta está sendo abrumadora. Tanto no que é a asisténcia aos concertos como à hora de mercar o disco. Non temos palavras. Bailan durante hora, hora e meia, cantan os temas, e re-publicitan nas redes sociais...

  Onde levades tocado e que planos de concerto tedes para o futuro?

Co Corricán, logo da apresentación n’A Repichoca (A Coruña) o pasado 19 de outubro, tocamos en Barcelona, Vigo, Compostela, Teixeiro, Alcalá de Henares, Madrid...
A curto prazo, tocaremos n’A Coruña (nun dos concertos expansivos do Xº aniversário de NUNCA MAIS), Ferrol (6 de decembro), Valladolid (8 e 9 de decembro), Betanzos (12 de xaneiro), Couso (25 de xaneiro)... E toca-nos ir montando os Reis, para este ano.... Queremos, tamén, achegar-nos por Ourense antes da fin do ano, e por Ponte Vedra e Lugo pa volta de xaneiro... Temos planos para ir tocar a Euskadi e Astúrias.... Non paramos, e imos aló onde nos chamen...