Cancioneiro de Cabana de Bergantiños




Para ollalo e descargalo preme eiqui

CABANA DE BERGANTIñOS DINAMIZA O RURAL COA PUBLICACIóN DO SEU CANCIONEIRO






O pasado 23 de outubro vía a luz o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, un volume que compila as pezas musicais populares que se conservan neste concello. O proxecto, resultado de anos de traballo de Pablo Díaz e Olga Kirk, vai moi para alén da edición deste material, xa que o concello está a aproveitar o volume para artellar unha programación que achega de volta esta música aos veciños.
Segundo recoñece Pablo Díaz, un dos compiladores deste proxecto, o traballo que deu pé á obra non tiña como obxectivo se transformar en libro e foi semellante a moitas outras compilacións de patrimonio sonoro que se teñen feito no país e que non ven a luz neste formato. “Eu din clases de música tradicional neste concello, e entón fun buscando para lles ensinar aos nenas e ás nenas as coplas que xa cantaban os seus avós”, explica. “Fun facendo un percorrido por parroquias, pero do mesmo que xeito que facemos por outros lugares de Galicia”. Un traballo que se realizou ao longo de toda a década dos 90, cun especial énfase entre os anos 93 e 97, a aproveitar fins de semana e tempo libre dos autores, que contaron tamén con colaboradores locais. A acumulación de material conseguido e mais os ánimos que recibiron desde o concello para completar o traballo e buscar un xeito de o publicar foron os pulos que finalmente deron na edición do Cancioneiro. Xosé María Varela, técnico de Cultura do Concello, apunta que “nunca se atopou ata agora o momento de editalo, e foi grazas á axuda da Deputación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística”. Para alén da edición física, o volume está dispoñible de xeito íntegro na rede, no web Educabana.
 Prema no título para ver a nova ao completo


Patrimonio de Cabana
O Cancioneiro de Cabana de Bergantiños é un volume que condensa, nunhas 150 páxinas, as pezas musicais que se conservan neste concello a través da memoria de case 50 informantes de diferentes parroquias. Coplas, jotas, parrafeos e mesmo regueifas ou cantares de cego están recollidos nestas páxinas. Entre elas, non deixaron de aparecer algunhas sorpresas, segundo recoñece Díaz. “Sempre se atopan cousas curiosas, en calquera lugar. En Cabana por exemplo atopamos moitas regueifas, cantadas de xeito dialogado, e aparece aí o papel das mulleres como regueifeiras, que é algo que normalmente non se ve”. Canda a isto, os autores destacan a presenza do baile da “muiñeira vella” ou “ribeirana”, só lembrado polos máis vellos e pouco estendido na comarca. Díaz apunta que “case o 85% das coplas están completamente en galego, e é algo curioso. E tamén é raro que se conserven moitas coplas e cantos de cego, cando non hai ningunha feira na zona”. No repertorio destaca asimesmo a grande cantidade de cantos de Nadal, Reis e Aninovo. “Logo hai un detalle curioso que é o feito de que as mozas dos pobos mercaban entre todas as pandeiretas coas que logo ían tocar. Era unha zona na que este instrumento se empregaba moito” advirte.

Dinamizar coas cancións
Para alén da importancia que pode ter o material agora editado en por si, o Concello está a empregar o cancioneiro como fío condutor do seu programa cultural Outono do Patrimonio. Todas as parroquias que aparecen reflectidas no volume están a acoller estes meses unha presentación do mesmo, uns eventos que non só serve para dar a coñecer este traballo, senón que incorpora música e vóltalles aos asistentes un coñecemento que eles mesmos, ou os seus maiores, preservaron e transmitiron. Segundo explica Xosé María Varela “o obxectivo é recuperar toda aquela tradición. Amósanse fotografías dos informantes e cóntase cun presentador vencellados á parroquia. O outro día estivo Lorena Pose, xornalista de Borneiro, e logo contamos con grupos de gaiteiros e corais. Ás veces hai convidados foráneos que teñen relación coa comarca. Nunha vai vir Xosé Touriñán”. As citas complétanse con magostos ou filloadas. “Trátase de que as actividades teñan tirón entre a poboación e que a xente saiba da valía deste patrimonio”

Novos xeitos de transmitir
Dentro destes programas, os autores do Cancioneiro van desenvolver un encontro cos mestres da zona que, para Díaz, “pode ser fundamental á hora de recuperar o que fique pendente. É xente formada que pode incidir e se achegar facilmente ás familias, e os maiores poden traballar cos seus netos. A este nivel o colexio rural resulta un espazo moi interesante”. Canda a isto, o Concello organizou outra sesión de encontro interxeracional nun centro da terceira idade, buscando dinamizar de novo a transmisión destes coñecementos. “A idea é que os rapaces do concello collan consciencia de que fan parte disto, que os seus avós e avoas foron informantes neste proxecto”.

Novos campos
A posibilidade de que se desenvolvan iniciativas semellantes noutros lugares é para Díaz “fundamental. Custa moito dignificar o noso folclore, eu penso que co tempo irémonos dando conta do noso gusto pola música popular, o que acontece é que cómpre coñecela, e é máis sinxelo se está ben posta e ben explicada. Eu penso que aos poucos vaise coñecendo mellor”, sinala. A teor da súa experiencia, Díaz apunta que fica aínda traballo por facer no campo da recollida de pezas tradicionais, aínda que recoñece que “os informantes están a desaparecer, é lei de vida”. Mesmo así “aparecen sempre cousas novas e moi curiosas, variedades locais ou dialectais. Cada persoa é un mundo e o que lembra varía moito segundo gustos ou aprendizaxes”. No entanto, este investigador recoñece que se deu unha creba xeracional na transmisión da música. “En Cabana deixamos de recoller en 2000, e desde que fixemos o traballo como un 85% dos nosos informantes faleceron. Hai zonas nas que esta música mantense máis, con xente de mediana idade coa que se podería traballar aínda, pero é curioso a velocidade coa que se perdeu. Con estes traballos vese tamén a importancia e o peso que ten o noso folclore, que para min é dos máis completos a nivel estatal e canto á variedade de ritmos ou bailes propios”.

Máis cantos
Como é de agardar, estas sesións non só están a revalorizar entre a poboación do concello a importancia deste patrimonio inmaterial, senón que prometen achegar novos datos sobre o mesmo. “Moita xente emociónase cando ve as fotografías que pomos en pantalla grande, sénteno de xeito distinto a cando falaban con nós e nos cantaban. Do primeiro encontro non saíron moitas cousas novas, pero algunha copla sempre lles lembra, é un conto que nunca remata”. “No último encontro unha señora de 99 anos, Aurora, atreveuse a bailar a muiñeira vella”, lembra Varela. “A verdade é que os asistentes están moi contentos”. Agora que o libro está xa editado, desde Cabana non desbotan, para alén do traballo de dinamización que están a facer, continuar coa compilación. “Temos xente que está a facer achegas importantes e contamos coa idea de estender a recollida inicial a parroquias a maiores. Algúns informantes xa nos comentaron que coñecían xentes e variantes, así que agardamos contar con máis material” explica Varela. “O Cancioneiro de Cabana non ten un punto e final, ten puntos suspensivos”, completa Díaz.

www.culturagalega.org