PROCESION DA SANTA BOLAÑA

Chega a "Procesión da Santa Bolaña. De tazas con Roberto Vidal Bolaño", a proposta dalgúns veciños de Santiago de Compostela, e impulsada pola Candidatura do Povo e outros colectivos sociais. A procesión vaise realizar o vindeiro sábado dia 15 de Decembro, e facendo fe de puro paganismo recorrerá as rúas de Compostela entre cánticos e ladaíñas profanas facendo parada e via crucis en distintos bares da zona vella, onde o público asistente vai recrear, entre viño e viño, varios fragmentos da obra de Roberto.


As recreacións estarán monitorizadas por varias persoas ligadas ao teatro galego como Víctor Mosqueira, Clara Gayo, Chiqui Pereira, Xesús Ron e Carlos Santiago. Pola mañá haberá unha charla sobre a figura do dramaturgo, "Conversas con Roberto", na Libraria Couceiro coa presenza de Paco Macías. A procesión vai partir da Asociación Veciñal "As Brañas de Andrés", nos Pelamios, por volta das seis da tarde, para logo visitar o Café Bar Trece, o Restaurante Rúa, o Xa Chegou, o Bar As Dúas e O Pozo, para rematar no Pub Avante, cunha foliada e o concerto de Leo Arremecaghoná e García DKTC.

No contexto da iniciativa, a Candidatura do Povo, xunto con outros colectivos sociais, vanse sumar á proposta de atribuír o nome de Roberto Vidal Bolaño ao Salón Teatro, que estes días será anunciada aos medios.