RODRIGO ROMANI



RODRIGO ROMANÍ TRÍO



Rodrigo Romaní presenta o seu cuarto traballo discográfico esta vez en formato de trío xunto con Bea Martínez e Xulia Feixoo, duas excelentes intérpretes do panorama do novo folk galego.

Este novo traballo discográfico, que tira o seu nome dun poema do tamén noiés Avilés de Taramancos, é un álbum concebido para recrear un xogo sónico de luzes e sombras, de penumbras estilísticas, de discursos entreverados con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un producto inconfundiblemente galego.

O resultado revela un concerto de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de duas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina, ou o acompañamento elegante dun dos mellores cuartetos clásicos de corda de Galicia, o Cuarterto Novecento. A eles xúntanse as voces invitadas de Inés Lorenzo (As Arpas de Breogán) e Guillerme Ignacio (Quempallou)

Temas:

Indo de cara a Grixoa
Na boca do santo
Preguiza
Loliña/Jotabe
Pasacalle e muiñeira
Vaivén Dos Pilros Bule Bule
Fios de ouro
Ribadavia
Ai Deus se sabora
Alborada da Ulla

A súa tradución ao directo dá como resultado un concerto de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina, na que Rodrigo ten demostrado unha especial capacidade de interpretación.


Segundo o propio artista, “a nivel musical trátase dun traballo centrado na sonoridade da arpa diatónica, máis coñecida como arpa céltica, adaptada á música de tradición oral de Galicia. Os temas que forman parte do disco pretenden achegar material a ese xogo tímbrico. A arpa entrou na música feita desde Galicia hai xa corenta anos e desde entón son numerosos os e as interpretes que se van incorporando a este instrumento pola súa especial capacidade de sedución e versatilidade para múltiples estilos e xéneros”. En ‘Fios de ouro…’ como no anterior traballo, faise fincapé na combinación de dúas arpas, contrabaixo e percusión como base para construír as melodías que proceden tanto da adaptación de pezas da tradición oral como de composicións actuais.


O apoio básico da música no álbum e no directo é o trío de duas arpas e percusión con alguns elementos electrónicos usados discretamente como complemento. A esta combinación engádense puntualmente outros artistas que colaboran para crear un traballo que se pode escoitar comodamente como unha unidade e, ao mesmo tempo, fai agradable e interesante a escoita por ouvintes non especialmente centrados na arpa.


No disco colaboran un cuarteto de corda dunha excepcional calidade, o Cuarteto Novecento, que acompaña unha das pezas mais estimadas polo autor, “Preguiza”, e unha especie de recreación fantasiosa das muiñeiras en tono menor máis coñecidas do repertorio para gaita. Tamén participa na gravación Inés Lorenzo, co seu inconfundible timbre de voz, achegando beleza en "Indo de cara á Grixoa" e" Ai Deus, se sabora" e o destacado membro dos desaparecidos Quempallou, Guillerme Ignacio, interpreta dous cantos tradicionais, “Pasacalle e Muiñeira”.


Rodrigo Romaní Trio son:

Bea Martínez (arpa segunda)

Xulia Feixoo (percusión)

Rodrigo Romaní (arpa, voz, ocarina e programacións)

FIOS DE OURO NO AR Podese escoitar/mercar nas principales plataformas dixitais e tamén está dispoñible en formato CD DIGIPACK en tendas.


Rodrigo Romaní, nado en Noia é un coñecido músico galego, cunha longa traxectoria no grupo Milladoiro, profesor de música tradicional e director da orquestra folk. Romaní formou parte do grupo Milladoiro durante 22 anos, e a partir do ano 2000 deixou o seu antigo grupo para publicar discos en solitario -nos que acostuma ter colaboracións-. Rodrigo Romaní


Rodrigo Romaní (Noia 1957) emerxeu ao mundo da música profesional formando parte do movemento popular canción galega na segunda metade da década dos 70. Formou parella artística co músico Antón Seoane. Na súa compaña e co grupo de música tradicional Faíscas do Xiabre fundou Milladoiro en 1979. Con Milladoiro acadou diversos premios internacionais, percorreu a escena folk mundial, e rexistrou doce discos. En 2001 deixou o grupo para dedicarse a outras actividades artisticas e educativas.


Creou para o Concello de Vigo o Departamento de Música Tradicional da Universidade Popular en 1996, primeiro centro educativo en España que relacionaba entre sí os instrumentos da tradición oral e as recientes recreacións urbanas do folk. Refundado como Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, ETRAD, en 2008, actualmente recibe a 400 alumnos anualmente en niveis que van desde o básico ata o profesional.


Arpista autodidacta no folk, emprendeu estudos de arpa clásica con Susana Cermeño. Creou a primeira aula de arpa céltica da Península en 1996. En 2013, a causa dun accidente que lle ocasionou a perda dunha falanxe da man dereita, tivo que deixar a docencia para deseñar unha técnica persoal de interpretación a arpa.


En 2007 forma o trio Lizgairo con Anxo pintos e Xosé Liz.

A principios do século crea, na compaña de outros mestres da actual ETRAD, a primeira Orquestra Folk de España, SonDeSeu, coa que lidera o proxecto europeo ENFO en 2008.

Ten numerosos premios e distincions tanto colectiva como individualmente como o Goya á mellor Banda Sonora, Pedrón de Ouro, María Casares, Vieira de Prata ou o Premio Nacional de Folklore 2017.


É produtor discográfico dos primeiros traballos de Susana Seivane e Treixadura.

Como solista de arpa ten colaborado con artistas como Carlos Nuñez, Liam O’Flynn, Bill Whelan, Paul Winter, English Chamber, RTE Orchestra, Orquesta Reina Sofía, Sinfónica de Galicia ou Real Filharmonía de Galicia.


Crea en 2014 o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Noia Harp Fest, do que é actualmente director artístico.

Bea Martínez

Estudiou na E-Trad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo)

É membro fundadora do grupo Ghaveta e tamén membro de SondeSeu Orquestra Folk






Xulia Feixoo
Percusionista e etnomusicóloga nada en Vigo en 1987. É Titulada Profesional en Percusión (Vigo, 2010), Licenciada en Historia da Arte, especialidade Historia da Música (Santiago de Compostela, 2010) e Titulada Superior en Etnomusicoloxía (Vigo, 2016).

 É autora do libro “Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro...” (aCentral Folque, 2017) e coautora de “Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral” (aCentral Folque, 2017).

Na actualidade é mestra de percusión
tradicional na Escola de Música de Retrouso de Cela, na Escola de Música da asociación Peis d’hos de Cangas e Escola da Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro, en Vigo. Dende o 2017 dirixe a sección de percusión da Banda de Gaitas Xarabal.

Rodrigo Romaní  Mi Morena

https://www.youtube.com/watch?v=POFl_C1iaLg&list=PL051CC16F5E0DE562
Tema incluido en As Arpas de Breogán

 https://www.youtube.com/watch?v=POFl_C1iaLg&list=PL051CC16F5E0DE562


DISCOGRAFIA PREVIA:
 
Albeida (2000) e
Cantos Caucanos.
As arpas de breogan  













MAIS INFO EN:
http://rodrigoromani.pro/