NAO Cartas no caderno

Unha vez rematada a xira "Cancións de amor e liberdade 2013" decidimos tomar un merecido descanso; parar, coller folgos e seguir de novo o camiño para desta volta emprender unha viaxe máis longa.
Aquí nace Cartas no caderno. Un caderno de bitácora co que mostrarnos ao mundo, cartas para atoparnos neste mundo.
Son as cartas no caderno. A nosa cura, coa liberación que supón ser o remitente e o destinatario.Socializar os conflitos para socializar as respostas.
Neste caderno atoparedes cartas nas que pretendemos baleirar as culpas, os medos, as penas... e cartas que fomos recollendo de amigos que co paso do tempo nos foron marcando. Eles estarán ahí colaborando, acompañándonos con forza coas súas cancións nun caso e noutros coas súas voces, forza e compromiso.
Este venres entramos no estudio a darlles forma. A finais de marzo poderedes escoitalas e lelas. Avante toda!!!