A RODA OUTRA VOLTA DE RODA

Depois de moitos anos de bagaxe quixemos voltar á fonte limpa, revisamos o pasado para escribir o futuro, dende unha nova óptica, este disco é produto das nosas inquedanzas, de novas experiencias, da madurez. Cada un de nós é parte do carro e fai que sone de novo o eixo, seguido dun miudiño son de inveteradas borracheiras, o betoque que suxeita a lamia, que suxeita a roda, que suxeita o carro...

Con estas palabras comeza o libro-cd “Outra Volta de Roda”, o traballo número dezaseis do grupo folk galego A Roda.

Un libro sen título aparente, nunha portada aínda menos esclarecedora, pero suxestiva abofé; un horizonte de expectativas e toda unha declaración de principios que pretende engaiolar ó lector-oínte dende o primeiro intre.

Un cd que resume e presume de condensar toda unha historia, case corenta anos a través da mirada persoal de cada un dos participantes, dende os prezados colaboradores: Najla Shami, Emilio Rúa, Ses, Luis Iglesia, Luis Vaamonde, Miguel Costas, Pancho Álvarez... ata os pensadores ilustres que enchen cada unha das follas coa súa voz, e por suposto a imaxinaría do pintor Ramón Trigo.

Supón por isto, un punto de inflexión nesta andaina polos eidos da música popular galega, unha rara avis, por iso a volta, como retorno ou labranza do pasado, como revolta ou cambio no futuro. Isto explica que as 13 voltas de Roda que dá o disco, é dicir as 13 cancións que ten, sexan unha aposta pola música de sempre. 13 grandes éxitos revirados ou dados volta.

“Outra Volta de Roda” é ademais unha homenaxe a toda a xente que pasou pola nosa formación, é a lembranza de Fito, un disco na memoria do eixo d’a Roda.