CANTARES DO BRION ARRUIDOS



O CD “ARRUÍDOS” do Coro Tradicional Cantares do Brión, é unha gravación-rexistro da memoria.

Memoria da nosa música tradicional, elaborada ao longo dos séculos, e cunha especial expresión nos últimos cen anos, des que apareceron os nosos coros históricos.

Memoria da literatura popular e de autor, textos que serven de base a composicións de música coral, vocal e instrumental.

Memoria de catro anos, tempo de existencia de Cantares do Brión. Fixación do repertorio do período 2010-2014, con pezas do catálogo de Aires da Terra, de Cántigas da Terra, de Cantigas e Agarimos, da Coral De Ruada e, abrindo o disco, de Toxos e Froles; pero tamén con obras de nova creación, composición de membros do coro, como é o caso das Tríadas do vento no mar, Camiño de Ourense, Na Touba do Brión, Foliada de Vincios, Has de cantar; e outras con harmonización e arranxos para coro como é O carro, de Mero Iglesias, con letra de Manuel María.

Foliadas, alalás, pasodobres, pandeiradas e pandeiretadas e, pechando o disco, Os Pinos, a composición de Pascual Veiga e letra de Eduardo Pondal, que é o Himno de Galicia.

[Os compositores das obras de nova creación son: Luís Correa “Caruncho” e Pablo Rial Salgueiro, que é o director do coro.]


CANTARES DO BRIÓN
O Coro Tradicional Cantares do Brión, con sede no Centro Cultural de Vincios (Gondomar), constituíuse formalmente en marzo de 2010.

Entre os propósitos principais están a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional; sendo obxecto de atención especial e uso habital o idioma galego.

Cantares do Brión está integrado na actualidade por 60 persoas, a maioría delas do Val Miñor, fundamentalmente da parroquia de Vincios, pero tamén doutras comarcas como O Condado, O Baixo Miño, Soutomaior ou Vigo.

CONTACTO:
Correo-e: cantaresdobrion@gmail.com