ENTREVISTA A XOSE CONSTENLA




Xosé Constenla: “Coido que Virada por Avante vai cambiar a opinión que moita xente ten da canción de autor en Galicia e en galego”.
O músico compostelán presentará o seu novo traballo o vindeiro 12 de marzo no Salón Teatro acompañado da súa banda.
Xosé Constenla (Compostela, 1980), presenta o seu cuarto traballo discográfico titulado Virada por Avante. En palabras do produtor e arranxista do mesmo, Fredi Marugán, “este disco recolle una colección de cancións que sonan ao folk-rock dos cantautores americanos”. Marugán sabe do que fala despois de máis dun ano de traballo no seu estudo con estas 11 cancións e tras una traxectoria musical que o levou a ser productor de artistas como Serrat, Miguel Ríos, Ana Belén e Victor Manuel, Ismael Serrano, Luz Casal ou Ketama entre moitos outros.
Certamente, en Virada por Avante escoitanse ritmos country e baladas nas que están moi presentes os sonidos das cordas acústicas. Porén, tamén aparecen xiros e harmonías da tradición iberoamericana de canción de autor e que fan parte da esencia da música de Xosé Constenla. En todo caso, este álbume supón un salto cara adiante na carreira deste músico compostelán tanto a nivel técnico como artístico.
Virada por Avante é o teu cuarto disco, que significa o seu título?
No medio dunha época vital de certa tormenta sentimental e anímica, un día semellaba que o mellor que podía facer era espertar e pegar un cambio de rumbo. Non era doado porque as condicións do vendaval facían ingobernábel o barco no que estaba á deriva, pero ao mesmo tempo nese momento pensas: “seguir interminabelmente no ollo do furacán non serve de nada”. Compría arriscar, poñendo a enxarcia ao límite, para tratar de conseguir navegar en mares máis calmos.
Virar por avante, manobra mariñeira que supón cambiar de rumbo avanzando á contra da dirección do vento, á diferenza de levar ventos favorabeis ou portantes que entran pola popa, sempre supón un risco e se non se fai ben pódese sair mancado. Ese cambio de rumbo que non se acomoda fronte ás adversidades, que non perde a cara ás circunstancias, por negativas que sexan, e que asume o risco de sair da zona de confort, é o significado metafórico deste traballo.
Como está sendo a súa acollida entre o público?
Estou moi contento porque a acollida está sendo mellor da agardada. Este disco, a diferenza dos anteriores, tivo un proceso de produción que foi público. Fomos informando de cada paso, de cada novidade, de cada avance, e iso coido que xerou certa expectación. Sentino ao longo de todo o ano e confirmeino cando lanzamos o adianto en forma de “lyric-video” de “A luz entre a desorde” nos primeiros días de 2016. En apenas un par de semanas, colocábase nas redes como o video con máis visualizacións dos meus, sen ningún tipo de apoio comercial. Agora, co disco xa publicado, cada semana están saíndo dúcias de pedidos cara distintos lugares da Península. De seguir así, vaise agotar a primeira edición de 1.000 exemplares na primavera. Unha sorte da que estou moi agradecido.




Que obxectivos te plantexas con este traballo?
Coido que este disco vai cambiar a opinión que moita xente ten da canción de autor en Galicia e máis escrita en galego. O obxectivo que máis ilusión me fai é chegar ao maior número de persoas posible. Gustaríame que se detiveran en escoitar as cancións e que abriran o libreto para seguir as letras con pausa. Dese xeito, penso que o público poderá comprobar que o que se chama canción de autor ten unha base sólida no noso país. Ás veces parece incomprensible que a xente escoite con devoción a autores do mundo anglófono, lusófono ou mesmo do panorama español pero que amosen certa resistencia para escoitar o mesmo tipo de música pero feita en coordenadas atlánticas. Supoño que para un estilo musical, fuxir de etiquetas require un proceso de maduración que aínda estamos comezando. Cada comunidade escolle determinados mecanismos para expresar distintas emocións e estados de ánimo e Galicia escolleu a música galega para pasalo ben, para a festa, para cousas “serias” temos outros vehículos como a literatura, o teatro ou o cine…e, por suposto, a canción de autor noutras linguas. Agardo que Virada por Avante contribúa humildemente a que a xente cambie isto.
Entón, que podemos atopar en Virada por Avante?
Realmente é moi recoñecible o meu xeito de facer cancións de sempre. O que pasa é que Fredi colocounas nun lugar distinto. As primeiras sesións no seu estudo pasámolas escoitando moita música, intercambiando referencias, compartindo cada parte das cancións que tiña seleccionadas. Fomos unha a unha tocándoas e para cada unha delas eu comentáballe que sons tiña na mente e a que me gustaría que sonaran. El apuntaba no seu caderno esas referencias e descubrimos que estabamos en coordenadas musicais moi próximas e todas relacionadas con James Taylor, Ray Lamontage, Mumford&Sons, Damien Rice, Iron and Wine e cousas así. Polo medio eu metía as miñas teimas de Sabina, Quique González, Miguel Araujo ou Ismael Serrano. Eu quería un disco feito en galego pero que lembrase ao tipo de canción de autor internacional que escoita todo o mundo, por iso contactei con Fredi Marugán. Un tipo que se formou musicalmente en Berkley (Boston) e que coñece perfectamente ese medio.
Cando poderemos escoitalo en directo?
Agora chega a parte do proxecto no que as cancións medran definitivamente; o directo. Teño moitas gañas de amosalas e a verdade é que vai ser un privilexio contar con Fredi nalgunhas citas. Comezamos o 26 de febreiro na Casa das Crechas (Compostela) e ao día seguinte en El Cercano (Ourense). Escollín estas cidades porque agora mesmo síntome nas dúas como na casa; son os lugares nos que vivo, traballo, disfruto e padezo. Van ser concertos especiais en formato trío, nos que ademáis de Fredi nas guitarras estará o meu primo Javier Constenla que é un enorme pianista. Despois, o 12 de marzo, faremos a presentación oficial no Salón Teatro de Compostela, espazo moi importante para min, porque nel disfrutei dos mellores concertos da miña traxectoria. Alí haberá unha banda completa, sumando ao trío unha percusión e un baixo/contrabaixo. Ademais, haberá sorpresas que estamos a preparar e artistas convidados. Pronto desvelaremos todo e desexo que o público responda. A partir daí, espero que veñan moitos máis concertos, nos que iremos vendo o formato que podemos ofrecer.

Para rematar, onde podemos atopar á venda o disco?
 

Estamos iniciando a distribución do mesmo nos grandes espazos comerciais nas cidades. Grazas ao selo Resistencia Virada por Avante vaise poder atopar nos catálogos deses centros no só en Galicia, senón tamén no Norte de Portugal e no resto da Península. Ademais, pouco a pouco imos crear unha malla de pequenos puntos de venda nas principais vilas e cidades do país. En Compostela xa se pode mercar en Miranda-Cultura para Levar e en breve estaremos en establecementos similares en A Coruña (probabelmente Libraría Sisargas), Vigo (case seguro Libraría Cartabón), Pontevedra, Ourense (El Cercano) e demais. Resistencia tamén terá dispoñíbel o disco na tenda dixital da súa web. Así e todo, se algunha das persoas que estea a ler quere conseguir un exemplar non ten máis que escribirnos a setestreloeditora@gmail.com e recibirá pronta contestación.
 

Contacto e contratación:
www.xoseconstenla.com
setestreloeditora@gmail.com