II EDICION DO CERTAME DE CANCION DE AUTOR EN GALEGO CONCELLO DE TEO


​Moi boa tarde,

Alégranos presentarvos a II edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'.

Para difundilo e que todos e todas as creadoras e creadores saiban del e poidan participar precisamos da túa axuda. 

As bases atópanse na web do concello no seguinte link:

Para colaborares con esta "festa da música e da palabra" pedímosche porfavor que compartas as bases e este vídeo http://youtu.be/omRsFM9OWtY 
no que Alba María, a gañadora da primeira edición deste Certame (na voz), e eu mesmo (na guitarra), convidamos a participar nesta nova edición.

O período de inscrición será do 29 de xaneiro ao 29 de marzo do 2015 ás 15h
Tamén queremos convidarvos a asistir á final o 25 de Abril no Auditorio da Ramallosa.

Desde xa, moitas grazas e unha aperta!


Xoán Curiel
Director do Certame

XA SE COÑECEN OS OITO FINALISTAS
A calidade protagoniza a II edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'

O Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo' xa conta cos oito finalistas que participarán na gala do vindeiro día 25 de abril. A “grande calidade” das propostas achegadas, tal e como afirma o director artístico do dito Certame, Xoán Curiel, fixo “moi difícil” o traballo do xurado formado polo propio cantor fonsagradino, pola Concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, pola artista Najla Shami, o xornalista Juan Torreiro e a xestora musical Inés Portela.
Na gala, os oito finalistas disporán de oito minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade. Como novidade, o público poderá dar dous accésits, sendo un deles á mellor canción —e non á canción orixinal tal e como si se fixera na pasada edición do Certame.
Calidade
A organización do certame salienta tanto o elevado grao de participación -que se moveu en cifras semellantes ás da pasada edición- como a “gran calidade” das propostas. Precisamente, este alto nivel fixo máis difíciles aínda as decisións do xurado para a elección dos oito finalistas: Sofía Espiñeira, Laura Iglesias, Noé Subiela, Isis, Pilar Martínez, Lucía da Fonte, Sandra Tenreiro e Umbra.
A final
O vindeiro día 25 de abril terá lugar a gala final do II Certame de Canción de Autor en galego 'Concello de Teo'. Desde a organización animan a calquera persoa interesada a se achegar á xornada decisiva do concurso, que se converterá nunha «festa da música e a palabra». A gran final comezará ás 20 h no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello, e as entradas son de balde. A gala terá unha duración aproximada de dúas horas.
O II Certame de Canción de Autor en galego 'Concello de Teo' está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo. Para todos eles, o agradecemento de Xoán Curiel, xa que «sen a súa implicación non sería posible organizar este evento».
O premio
O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun EP. Ademais, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción na prensa.
Tanto para os que chegaron á final como para os que non, Xoán Curiel mostra a súa «satisfacción» porque estes traballos serviron para visibilizar os e as creadoras noveis do noso país.



Sofía Espiñeira gaña o II Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’


A compostelá Sofía Espiñeira foi a vencedora da segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. O director artístico do evento, Xoán Curiel, salientou que o xurado tivo un labor “difícil” polo “elevado nivel” dos oito artistas que chegaron á fase final do concurso. Pola súa banda, Pilar Martínez fíxose co accésit á mellor canción, mentres que a propia Sofía Espiñeira gañou tamén o premio do público á mellor artista.

 Carme Hermida, concelleira de Cultura e membro do xurado, destacou que Sofía Espiñeira gañou o certame “por ter sabido tocar un instrumento, a guitarra e, ao mesmo tempo, ser quen de focalizar tamén a atención na súa voz”.
Ademais de Hermida, formaron parte do xurado Najla Shami, unha das artistas galegas máis coñecidas, representando á parte artística; Juan Torreiro, en representación da prensa especializada e Inés Portela, xestora cultural en Mada Producións, representando as industrias culturais.
Como premio, Sofía Espiñeira vai ter a posibilidade de gravar un EP. Ademais, disporá dunha serie de concertos e de promoción dese primeiro traballo discográfico, así como un ano de socia na Asociación de Músicos ao Vivo.
Premios do público
Xoán Curiel sinala tamén o “importante apoio” dun público “moi participativo” que concedeu dous accésits que recaeron na propia Sofía Espiñeira como mellor artista e en Pilar Martínez pola mellor canción polo seu tema ´Pensando en ti´.
Por último, o director artístico agradécelle á organización, o Concello de Teo, aos patrocinadores —Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis— e ás entidades colaboradoras, tales como a Asociación de Músicos ao Vivo, entre outras, a súa implicacion, sen a cal «non sería posible este evento», salienta.
A gañadora
Esta compostelá está vinculada ás artes escénicas desde moi nova. O seu primeiro contacto coa formación musical foi no conservatorio, onde estudou catro anos e obtivo o grao elemental co clarinete como instrumento. Despois, e xa de maneira autodidacta, comezou coa guitarra e o acordeón.
Actualmente posúe alta formación noutras artes escénicas como a danza contemporánea, claqué, teatro, clown, circo e nocións de danza africana. Ademais, está a se iniciar no mundo da nosa música tradicional coa aprendizaxe da pandeireta. Ten realizado varios concertos en distintos locais como cantautora. Comezou a compoñer ao redor dos dezaseis anos.

 PILAR MARTÍNEZ FÍXOSE CO ACCÉSIT Á MELLOR CANCIÓN