ENTREVISTA a NELSON QUINTERO que nos fala do seu proxecto NU

Música en galego esntrevista a Nelson Quinteiro (Cangas, 1979), polifacético artista que este vindeiro sábado 17 de setembro presentará no Auditorio Municipal de Ourense o seu “PROJECTO NÚ”.

Esta ensemble é unha aposta musical que toma o relevo á “Orquesta Gharbo!” do cangués. Nela, e da man do pianista Brais González (Vigo, 1988) e do percusionista Blas Castañer (Valencia, 1992), ámbolos dous membros de CASPERVEK TRÍO ofrecen un peculiar xeito de abordar as músicas de raíz e músicas do mundo, nun constante xogo de latitudes que, salvando as distancias e as comparacións, fainos re-lembrar a artistas como Zenet, Carmen Paris ou Concha Buika.


MenG: Nú significa espido, sen roupa. ¿Que ten que ver isto co “gharbo!” do que falabas no anterior traballo?

Orquesta Gharbo era un traballo complexo, exuberante, polifónico e multinstrumental. Nel falabamos do garbo, da elegancia, algo que ten que ver coa roupaxe. Musicalmente baseabase nun traballo de fondo a partir do pedal de loops e a polifonía tecnolóxica
aplicada ao canto tradicional á que se agregaban guitarras loopeadas até o infinito, piano, saxo, traveseira, baixo, teclado, zanfona, voces, voces e mais voces. Lémbrome da edición do disco da man de Gerardo Amigo. Temas de 6 minutos co deseño e complexidade dunha catedral gótica.
Agora chega “Projecto Nú”. Nesta nova aventura decidimos facer un xiro copernicano e quedarnos co esencial, coa voz crúa, sen polifonías nen trebellos tecnolóxicos, e mudando a sonoridade, que antes se baseaba no tándem guitarra-voz da man do fabuloso Álex Lourenzo e agora tórnase nun novo binomio piano-voz apoiándome no espectacular e sensibilísimo Brais González (Cáspervek
Trío). Con temas moito máis breves, que non pasan dos 3 minutos, con arranxos virtuosos, porque todo o que sae da man de Brais González é virtuoso, pero ó mesmo tempo sinxelos, sinceiros. E co apoio na percusión dun delicado Blas Castañer, que aporta un traballo de lira moi suxerente, e unha percusión máis cercana ao jazz á hora de abordar os temas de música tradicional e músicas do mundo que conforman o noso repertorio.

MenG: Falando de repertorio. ¿Que de novo e que de continuidade ten Projecto Nú con respecto a “Orquesta Gharbo!”?

O esencial segue a estar vixente, porque estamos a falar dun xeito de concebir o mundo, a música e a vida. Estamos a falar dun repertorio no que o cantor é tamén “contador”. Temas que contan cousas, que teñen a súa intrahistoria, e que eu, que veño do mundo escénico interpreto no sentido máis integral do termo. Pero hai cousas novas. Estamos a falar de temas moito máis directos, máis breves, máis intensos. Temas nos que xogamos coas latitudes, collendo, por exemplo un fado e facendo un latin jazz, collendo unha peza da costa da Morte para convertela nun tema de música mediterránea, un tango que nos fai lembrar á europea música de Yann Tiersen, ou tomando un pasodoble de antroido recollido en Darbo para facer diso un tema que nos lembra ao pop. A música como un xogo, peza a peza, pero tamén no conxunto.

MenG: ¿Estamos a falar, logo, dun traballo de mestizaxe?

Por suposto. Todas e todos somos mestizos, o xénero humano é esencialmente mestizo dende a súa orixe. No meu caso a cousa cobra máis envergadura porque son mestura de pai galego e nai andaluza. Feirantes por un lado e aceituneros por outro. Con sangue cigana, mozárabe, xudía. O pull xenético está ahí, e está clarísimo que á hora de facer música desborda. Tamén á hora de cantar. O tipo de cadencias que escollo sempre teñen unha verquente moi mestiza. O meu timbre de voz, a “locura tímbrica” da que falaba J.A. Martínez Sevilla ten moito que ver coa miña configuración xenética.
Brais é galego, Blas é valenciano. A nosa música, sendo galega, é galega nun sentido moi amplio, porque tende unha ponte hacia o mediterráneo máis que evidente, pero tamén hacia o atlántico, cara América. Sendo membros da lusofonía para tender azos con África. Somos froito do mundo e do momento no que vivimos.

MenG: Falanos das pezas centrais deste traballo ¿Que podemos escoitar nun concerto de Projecto Nú?

(Rie) Eu teño especial predilección por unha pequena xota que parte dun retrouso recollido en Bueu á que dimos en poñerlle varias melodías e arranxos de colleita propia. Unha peza que para min é épica e que se chama “Xota do Norte”. Unha peza de menos de tres minutos de duración que se che queda pendurada e es capaz de andar canturreando unha e outra vez. Pero non é a única.
Comezamos o concerto dun xeito moi especial, cun maneo que nos evoca o desxeo, unha peza que Brais converteu nunha sonata romática, e que amin lémbrame moito ao “Viaxe de Inverno” de Schubert. Tamén teño particular querencia por “A subila e a baixala”, un tema que pola temática, e polos arranxos resúltame totalmente lorquiano. En fin... ¿Que se pode atopar en Projecto Nú? Pois evocación peza a peza, unha granada que se abre e que abraia gran a gran.

MenG: A formación presentouse en febreiro e este é o seu terceiro concerto. ¿Para cando o disco?

As cousas de palacio van despacio. Para min Projecto Nú é algo que está moi ben ilo cociñando a lume lento, e sen as presións que vivimos con “Orquesta Gharbo!”. Agora mesmo, e afortunadamente, a nosa carga de traballo, tanto para Brais como para Blas en
Caspervek Trío ou para min con Nelson Quinteiro Cabaret está a ser moi intensa, polo que “Projecto Nú” pasou a un segundo plano que non por iso significa abandonalo. É un traballo a medio prazo, lento pero seguro, e que facemos porque nos peta, porque nos dá a gana e porque nos gusta. Escollendo bos escenarios e condicións, tanto técnicas como económicas. Porque se de algo estamos seguros é da súa orixinalidade, calidade e contundencia. Así que nada. O disco chegará cando teña que sonar. E cando chegue será bo.

MenG: Recentemente estiveches nun curso con Javier Limón por medio do programa GO2WORK da Fundación Paideia. ¿Que ensinanzas aplicarías desa experiencia para o teu novo proxecto?

Pois a verdade é que todo o programa foime de grande utilidade. De feito tiñamos idea de entrar en estudio a gravar e de súpeto comecei a ouvir tantos puntos de vista, tantas novas mensaxes, tantos consellos interesantes que decidín botar o freno de man até analizar ben todo o panorama. De verdade a experiencia con Javier Limón deume pé a pensar que estamos no bo camiño. Agora
si... hai que sacar o mapa, analizar o terreo e agardar a que as condicións sexan favorables para reaunudar a marcha. É moi frustrante que a inversión de todos os recursos e esforzos que supoñen gravar un disco non se vexan compensados. Por iso hai que medir ben os pasos e facerse unha serie de preguntas. Eu, polo de agora quédome coas seguintes premisas 1) Seguir a facer o que che gusta e o que che emociona, porque só así poderás transmitir esa emoción 2) Probar as cousas con nenos/as pequenos/as previamente ó seu lanzamento, non porque o que fagas sexa infantil, senón porque os seus oídos son naturais, intuitivos, e daranche moitas pistas sobre o que pode funcionar 3)Fuxir de artificios, imposturas, adornos.

Seguindo por este carreiro chegaremos á nosa Ítaca soñada!