Seso Durán





Seso Durán é profesor de música, historiador, compositor, videocreador e produtor.







Son da memoria é un disco escrito e producido por Seso Durán (Xosé Manuel Durán), profesor de música, historiador, compositor, video creador e produtor, que desde os 90 (como integrante do grupo folk Liorna, entre outros) publica a súa obra, centrada
nos últimos anos en contido relacionado coa didáctica musical. Comprometido coa innovación, é invitado regularmente a compartir os seus proxectos e experiencias nos foros educativos máis destacados (Culturgal, Universidade de Santiago, Universidade
Autónoma de Madrid, etc), tendo acadado numerosos recoñecementos a nivel galego e estatal.

A gráfica do disco foi realizada por Xose Carlos Hidalgo, do prestixioso equipo Numax.

Son da memoria é un disco que xira arredor do que aconteceu a partir do golpe de estado de 1936, especialmente nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Vigo.

A Guerra civil vén sendo un tema tratado artísticamente desde o seu mesmo acontecer. As vítimas, os verdugos, os lugares, todo está neste disco. Un cable eléctrico conecta pasado e presente: o golpe, a dictadura, a Transición, os fondeados nas rías polos
falanxistas, os afogados na actual crise dos refuxiados no Mediterráneo. A memoria e a loita pola supervivencia, a brutalidade, a insolencia e a compaixón e a dignidade que as confrontan, forman parte da paisaxe sonora, visual e emocional de todo o proxecto.

As cancións

1. Príncipe azul: Baseada nun discurso en Radio Sevilla, no que o xeneral golpista Queipo de Llano anima os lexionarios e regulares a violar as milicianas republicanas.
O emprego da agresión sexual ás mulleres como arma de guerra é algo tristemente habitual nos conflitos bélicos. O feito de que un dirixente tan destacado o faga expreso publicamente non é só unha mostra de brutalidade, senón tamén a clara expresión
dun sentimento de impunidade que o tempo non fixo máis que confirmar.

2. Landín acordeón: Conta unha historia de ficción baseada nun acordeonista que coñecín de neno. O marco: acordeonista, calellón, son reais, o demáis unha metáfora da persistencia nas conviccións propias a pesar das consecuencias que calquera podería sufrir.

3. O fillo asasino: Por esta canción, sobre a deshumanización do inimigo real ou imaxinario, sobre a xustificación do crime, desfilan catro personaxes, que en realidade son un mesmo. É a nai de cada un a que intenta desculpalo, pero resulta evidente que
elas son, en realidade, as primeiras vítimas.

4. Canción dos afogados: Como "O fillo asasino" conecta pasado e presente: os fondeados nas rías durante o terror franquista, os afogados na actual crise de refuxiados no Mediterráneo, con Occidente como espectador pusilánime en ambos casos.
https://www.youtube.com/watch?v=ndTWpG9Fu7E
5. Aquela muller: Conta a historia dunha muller desfeita pola guerra, pola desaparición do seu home e do seu fillo. Andado o tempo aquela muller atemoriza coa súa soa presenza os nenos do vencindario no que vive.

6. Interludio: Pregaria de San Simón. Escrita por Eduardo Pantaleón, un dos presos do penal en que converteron o antigo lazareto da illa de San Simón. O texto está incluído no libro Aillados. A memoria dos presos da illa de San Simón. Antonio Caeiro, Juan A.
González e Clara Mª. de Saá. Ed. Ir Indo, 1995.

7. O cemiterio das botellas: A historia do meu tío avó Benito Pastoriza Fariña, condenado por intentar facer saltar polos aires a ponte dos Beireses, en Ardán. Preso primeiro en San Simón e despois trasladado ao penal do Forte de San Cristóbal, en Navarra. Xunto a outros máis de 700 presos participou na fuga da prisión en 1938, polo que lle aumentaron a pena noutros 17 anos. Benito morreu na cadea, de tuberculose, en 1943. A familia recibiu os seus restos no 2007. Estaba soterrado no Cemiterio das Botellas, á par do forte, chamado así porque xunto os cadáveres hai unha botella onde introduciran os seus datos persoais.

8. Non lle queda máis: Inspirada na historia de Mercedes Magdalena García, de Cerponzóns, Alba, Pontevedra, que tivo que exiliarse cos seus tres fillos a Bos Aires, despois de que asasinaran ao seu irmán Juan, e tiveran que fuxir cara o mesmo
destino, a través de Portugal, os seus irmáns Ãngel e Severino e o seu home Constante. Mercedes embarcou cos seus fillos no vapor Antonio Delfino, para non volver.

9. Esperanza: Unha canción sobre as promesas incumpridas pola transición, unha sátira onde nada (nin niguen) é o que parece.

10. Home: Un escaparate polo que desfilan algúns dos protagonistas: algúns noméanse expresamente (Victor Lis, Juana apdevielle..), outros dedúcense polo que se conta deles. Os verdugos e as vítimas, o pasado e o presente, cara a cara.

11. Todo: A canción que pecha o disco non é un canto á esperanza, senón un
lamento pola perda irreparable de tantas persoas.

https://www.youtube.com/watch?v=XAUqwVfCW0w




Mais info en:
sesoduran.wixsite/sondamemoria

Contacto:
Seso Durán: sesoduran@gmail.com

Promoción:
Xusto Molejón Valoría - xusto@inquedanzas.com