SUSO VAAMONDE Voz de Trebón


O xornalista Xosé Miguel Alonso Boó cumpre unha promesa feita en vida ó seu amigo Suso Vaamonde, quen anos antes de morrer encargoulle ao seu amigo a realización, –“cando chegue o día”, díxolle– das súas memorias. Para tal fin entregoulle os seus arquivos persoais.

Por razóns de carácter emocional e o medo a defraudar “a uns e outros” adiouse no tempo a elaboración dun traballo que agora ve a luz co título “Suso Vaamonde, voz de Trebón”e que ten por subtítulo "O músico rebelde que popularizou a poesía galega", onde Miguel Boó repasa a vida e obra musical deste cantautor nado en Ponte Caldelas no ano 1950 e que finou en Vigo no 2000.


Xesús Vaamonde Polo “foi o gran popularizador da poesía galega. Grazas a que el musicou poemas dos máis sobranceiros poetas como Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Ferrín ou Cunqueiro, entre outros” (Miguel Boó)





Como explica o seu irman Senén Vaamonde, "Suso converteu en cancións os poemas de 76 poetas, ata o punto de que moitas xoias como “O Cuco”, de Manuel María, é posible que nin sequera fosen coñecidas de non ser polo labor de divulgación desta persoa sensible e namorada da súa terra".

Tal e como salienta o xornalista, Suso Vaamonde foi ademais “un rebelde, un home moi comprometido coa lingua, co seu pobo, e como sempre fixo esto desde a independencia, sen pertencer a ningún partido político, acaboulle pasando factura, porque cando chegaron os momentos malos da súa vida, a partir de 1979 cando foi xulgado e condeado a seis anos de cadea, practicamente todos o abandonaron, non houbo movementos de solidariedade con el”, relata.

En novembro do 1980 o cantautor galego foi condeado a 6 anos e un día de prisión por un delito de "injurias a la patria con publicidad" por mor dunha das canciones que interpretara un ano antes nun concerto en Pontevedra. Nun recital antinuclear que se celebraba na Praza da Ferrería, incluiu unha nova estrofa ó tema popular "Uah!", unha crítica ó caciquismo, cantando "Cando me falan de España/ sempre teño unha disputa..." . Vaamonde optou por exiliarse, primeiro en Londres, despois na en Alemaña e finalmente en Venezuela, onde quedou por catro anos convertendose asi no primeiro exiliado politico da democracia española.





A obra recolle tamén, entre outras moitas cuestións e curiosidades, a relación de Vaamonde co colectivo “Voces Ceibes” que se foi deteriorando ata converterse nunha “xenreira insalvable”.

A obra está editada por Galicia en el Mundo.
https://www.todostuslibros.com/libros/suso-vaamonde-voz-de-trebon_978-84-09-08818-8



Fontes:

Diario de Ferrol https://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/miguel-boo-suso-vaamonde-foi-musico-rebelde-popularizou-poesia-galega/20190221205054248923.html

El Correo Gallego  https://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/suso-vaamonde-voz-trebon-gana-eco-ourense/idEdicion-2019-02-19/idNoticia-1166952

El Diario.es  https://www.eldiario.es/galicia/Suso-Vaamonde-exiliado-canciones-Valtonyc_0_775173333.html

facebbok  Alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz