A Familia Caamagno é ante todo unha banda de rock’n’roll “que non de rock, eh?”, indican ameazantes a familia máis mafiosa ao norte do Tambre, “dicía Jorge Explosión que o rock é aburrido e o rock’n’roll é diversión, e nós somos desa idea absolutamente. A nós o que nos gusta é facer música para bailar, para cantar, que a rapazada que nos veña a ver roquear aos nosos shows estea entretida durante toda a actuación, que é algo que nós botamos bastante en falta nos concertos de por aquí. Os rapaces queren rock’n’roll e nós ímosllo dar.” E, obviamente, todo eso é algo que intentan transmitir nas súas gravacións, “unha condición fundamental para nós é gravar ao vivo, nada de gravar por pistas e cada un por separado, eso é un puto atraso e un fodido aburrimento, nuabes?[non sabes?] Home, voces e demais caralladas si, pero o resto vai todo a canón coa nosa limitada pericia instrumental. Despois tamén perdémolo cu polas pandeiretas, as palmas, os coros con falsete… toda esa parafernalia tan pop da que somos megafanáticos e que intentamos que lle dea un aire festeiro e soul ao que facemos no estudio.”
E é ben certo que adoran esa “parafernalia pop” porque, maldita sexa, que diaños hai máis pop que un disco de Nadal coma o que acaban de lanzar? “Claro, meu, é que esa é a puta idea, nuabes? Nós somos moi fans da música británica pero quixemos facer algo que a nós nos parece xenuinamente americano, un sinxelo con cara A e cara B de cancións de Nadal, por suposto con toda a retranca e con todo o escepticismo que merecen esas datas do ano, pero tamén con todo o amor cara unha tradición do rock’n’roll que nos parece que se perdeu un pouquiño, nuabes? Botamos en falta este tipo de cancións, non exclusivamente de Nadal, cancións excitantes e con enerxía. Sempre recordamos con certa nostalxia cando pasabamos as noites de vran no noso porche escoitando a radio… esperando que soasen algún dos clasicos, xa sabes, antes de que a nosa nai chegara dos campos de algodón…”
Falan entusiasmados e pisándose uns aos outros da súa derradeira entrega sonora, o “Cantan polo Nadal!”
que penduraron hai uns días no seu Bandcamp (http://familiacaamagno.bandcamp.com) e, a diferenza da súa primeira homónima gravación editada o pasado outubro (http://familiacaamagno.bandcamp.com/album/familia-caamagno) , non haberá copias físicas.
“Ponlle aí que a baixe todo jesucristo pistolero, que é de balde” ordenan os de Sigüeiro. Proseguen con este novo sinxelo en liña ascendente dentro dese estilo guitarreiro e bailongo que caracteriza aos Caamagno. Garage? “Mira, esa etiqueta está completamente deturpada. Dígocho en serio, meu, estamos ata os ovos diso. Agora seica todo mariasantísima fai garage, nuabes? Calquera fodida banda que faga unha migha de fodido rock’n’roll ou de fodido punkrock cun sonido cotroso disque fai garage. Bueno, pois se para eles eso é garage, que lle chamen garage. Nós dende logo non facemos garage. Pallote como moito” rematan entre risadas. “Cousas de xornalistas!” Pois vós tampouco vos podedes queixar moito dos media, “Non, carallo! Todo o contrario, estamos superagradecidos por como nos soen tratar” e é que, na súa corta carreira como conxunto musical, xa saíron tocando en directo (en directo!) na TVG por dúas ocasións (A Solaina e Tourilandia), son habituais no Planeta Furancho “Vituco é de puta nai, é un puto ghuardián. Non somos dignos”, a súa “Panxoligna de amor R5” do “Cantan polo Nadal!” é a sintonía nestas datas do magacín radiofónico “Arredor de nós” de Radiofusión, ata os pincharon no programa de radio Intangible23 da emisora Todo Radio de Gran Canaria! Por non falar de todas as referencias que se poden atopar nas diferentes webs de música do país.
Si amigos, a Familia Caamagno remata este ano 2012 como unha das bandas revelación que apareceron ó longo destes doce meses “Home, revelación… tampouco é que isto sexa un fervedoiro brutal de bandas emerxentes. Pero si que é certo que o panorama musical do país cada vez é máis xeitoso. É o tema de sempre, nuabes? Pero nós si que nos parece que cada vez se fan mellores cousas aquí. Creémolo realmente. Por poñer unha pega, apuntaríamos o que dicía Martiño de The Homens/Grampoder (que para nós é outro puto referente),o de que faltan cancións. Niso estamos fodidamente de acordo; si que faltan cancións, temas pop ben feitos que che emocionen, que che fagan cantar, brincar e ouvear, nuabes? E despois,” proseguen xa embalados os nosos protagonistas “tamén deberiamos ser máis ambiciosos respecto do público ao que queremos chegar. Sempre estamos movéndonos no mesmo circuíto, sempre predicando para os conversos. Se queremos que a escena medre non debemos limitarnos ao de toda a vida, nuabes? hai que ir onde non nos queren, coma dícían os Sex Pistols.” E para o 2013? “Tocar, tocar e tocar. É o que nos gusta, meu, é o que nos fai flipar a cabeza. E a ver se damos xuntado algo de pasta para gravar algo antes de que acabe o vindeiro fodido ano.” E que nos o vexamos, maldita sexa.
Estimados lectores, a Familia Caamagno está aquí para quedarse.