Boas radiomusiqueir@s!
Con semellante escocemento social como hai
nestes tempos Sacha na Horta anda a retorcerse polas hortas, mudando de
pel coma serpe madura. Mutamos por dentro e por fóra de varias maneiras
diferentes e sentimos a necesidade de exteriorizalo tamén na nosa
vestimenta. Por iso pedimos a axuda e colaboración de canta xente
quixera participar no deseño da nova fachenda d@s sachador@s.
Creamos
un evento no facebook onde animamos á xente a través dun concurso a
enviar calquera proposta cun debuxo, unha foto, un vídeo ou como máis
cómodo lles resultara enviarnos as súas ideas a través da nosa páxina no
facebook, no mesmo evento, ou por correo electrónico a
sachanahorta@gmail.com. Haberá un pequeno premio como agradecemento e,
quen sabe? se cadra lanzamos a carreira como deseñador/a de alguén a
partir de lucir os seus deseños en semellantes persoeiros da
agropunkchanga nacional...
Gústanos a idea de crear en conxunto con
vós a nosa imaxe porque agora máis ca nunca sentímonos plurais,
colectivas e comunitarias, membros dunha comunidade de comunidades e
queremos vivirnos dese xeito en todos os aspectos da creación do novo
espectáculo e da nosa propia identidade como banda.
Moitas persoas
manifestaron a súa morriña polos nosos entrañables mandís. E xa
explicamos que non se trata necesariamente de abandonalos. Nós tamén os
sentimos xa como unha segunda pel. A intención é máis ben revisar a nosa
imaxe e renovala dalgún xeito. Ata o de agora non houbo moitas
propostas, pero algunhas apuntaban moi boas ideas definindo máis a imaxe
da sachadora a través de complementos e símbolos moi interesantes.
Esta
semana anunciaremos o premio e pecharase a recepción de ideas o un de
febreiro, cando comezaremos a deliberación na horta para escoller a que
máis nos guste e unha semana máis tarde publicaremos @ gañador@ e a
partir de aí teremos a máquina de coser a botar fume para estar a punto
para a nova tempada de primavera-verán hortícola, para a que temos
pensado suar a base de ben o novo atavío porque imos quentes e con moita
necesidade de unirnos ás moitas voces que berran e din nas rúas estes
días e sobre todo de armala.
Así que dende aquí animamos a tod@s as
mentes inquedas a soltar algunha chispa de creatividade para esta banda
repoluda, sa e anticanceríxena que é Sacha na Horta.