MAMA CABRA BICOS DE MUSICA



Bicos de música é o título do novo libro-disco-dvd do popular grupo de música infantil Mamá Cabra, unha formación pop que dende hai dez anos arrasa entre os cativos e cativas de Galicia. Todas as súas propostas, enchoupadas sempre dun xeneroso espírito lúdico, son recibidas con entusiasmo por un público que as aprende de memoria e que enche os teatros nos seus concertos.
Nos últimos anos, a formación ten experimentado un salto cualitativo importante ao asociarse coa Editorial Galaxia, coa que publicou os seus dous últimos traballos, Ola, ola, la! e Xa me tardan estes Magos. Este derradeiro título recibiu o máis alto galardón, como Mellor Libro Infantil do Ano, da Asociación Galega de Editores.
Agora, con Bicos de música, Mamá Cabra ofrece un novo proxecto musical no que, insistindo nas súas letras festivas, cun certo compoñente pedagóxico e moi achegadas aos pequechos da casa, atrévense a dar un salto máis grande planteando unha proposta audiovisual arriscada e divertida.
Bicos de música publícase seguindo o formato habitual dos libros de Mamá Cabra dende que están no catálogo de Galaxia, a saber, un volumen en formato apaisado, tipo álbum, a catro tintas, ilustrado pola artista lituana, afincada no noso país, e verdadeira imaxe de todos os elementos gráficos do grupo (libros, plóters, camisetas, follas voandeiras, carteis de concertos…), Kristina Sabaite. Ademais do libro en papel, a toda cor, editamos o CD de audio coas dez novas cancións do grupo e un DVD, para o que se contou coa colaboración da produtora Pórtico Audiovisuales (responsables de producións celebradas para a TVG como Criaturas, da que Galaxia fixo tamén un libro recopilando as mellores historias).
O DVD non é sen máis unha sucesión de clips, senón unha completa historia que se centra nun ensaio do grupo Mamá Cabra. Teñen que preparar os dez temas e, daquela, deben xuntarse para preparalo. Daquela, temos dez clips diferentes unidos por distintos gags relacionados coas cancións.
No que á trama se refire, ao primeiro, vemos a Gloria Roel, cantante do grupo e imaxe máis coñecida de Mamá Cabra, nun parque de Santiago, xogando con alguén (que está fóra de plano), ao béisbol. Loxicamente, vai carecterizada para a ocasión. Ten que interrompir o seu adestramento porque lle soa o móbil. É un dos membros do grupo que lle lembra que teñen que ensaiar. Ela deixa de adestrar e chama ao resto da formación.

Neste intre, vánsenos presentando cada un deles, singularizado pola afección que máis lles gusta. Así, un sae pilotando avión de aeromodelismo, outro andando nunha destartalada bicicleta que se vai desmontando diante da cámara, coa caída conseguinte, outro, papando un bocadillo con entusiasmo, outro, practicando baloncesto… en definitiva, os nove membros do grupo (os seis músicos máis tres do coro) son presentados diante do público dun xeito divertido e sorprendente que é moi do agrado da rapazada que vexa o programa.
Despois, entran os distintos clips, unidos por unha serie de gags cómicos inseridos nun guión festivo que pretende que os pequenos e pequenas que visionen o programa non perdan o interese en ningún momento. Así, vanse sucedendo situacións disparatadas baseadas nos xogos da linguaxe que, sobre todo, protagoniza Paco, o guitarrista do grupo e personaxe moi coñecido polos seguidores de Mamá Cabra porque no escenario, entre canción e canción, sempre ten algunha falcatruada cómica preparada.
Ao tempo, as cancións, non son interpretadas sen máis, senón que presentan elaboradas coreografías (un dos temas, bailado polo grupo infantil de baile ‘Os xeitosos de Trazo’), que buscan que os cativos e cativas que vexan o programa ou poñan o DVD nas súas casas, as repitan.
En todos os clips coidouse moito o atrezzo para ambientar segundo a temática das cancións os espazos. Ao tempo, os nove membros do grupo, saen disfrazados segundo requira a ocasión. Así, un dos temas interprétase en pixamas, con Paco dentro da cama, outro, disfrazados de policías no tema que explica como hai que facer á hora de cruzar cunha nena disfrazada de sinal de stop, outro, con roupa deportiva na canción dedicada ao fútbol…
En definitiva, estamos diante dunha proposta musical e audiovisual moi completa, tanto dende o punto de vista actoral, como escenográfico (responsabilidade do coñecido profesional do sector, Antonio Pereira), como do guión.
Un traballo á altura da Televisión de Galicia, da Editorial Galaxia e de Mamá Cabra.