Pasamos a por eiqui o artigo publicado polos RUXE-RUXE no seu blog xa que coidamos non o poderiamos facer mellor
o cortelho dos ruxe
ouveando dende Aríns !!
VAI POLOS PADRIÑOS
Xaneiro 15th, 2013
A cousa xerminou fai uns meses na sala Josfer no Mesón do Vento. Mentras os Zenzar presentaban o seu último disco “vaise armar” sobre as táboas da Josfer uns cantos músicos amigos e admiradores da banda ceibaron a idea de celebrar os 25 anos zenzarianos facéndolle un disco tributo e aínda foron maís lonxe: fariase sin que Zenzar se enterasen para darlles a sorpresa nos días de inicio dese 2013 cargado de celebracións para eles.
Así o asunto quedou en non facer ningún tipo de chamamento público e que o propio boca a boca fora traendo ideas ó proxecto e sobre todo cancións dos Zenzar reinterpretadas por outras bandas do universo do rock en galego. E co desafío colectivo de que Zenzar non souberan absolutamente nada ata o día de entregarllo en man como finalmente así aconteceu.
Púxose unha data. O 31 de outubro tiñan que estar as cancións. De ser poucas bandas fariase un ep e de aí en adiante benvidas serían cantas máis propostas e cancións mellor. E vaia se chegaron cancións.
Por suposto que non houbo ningún ánimo de excluir ou despreciar a ningún grupo. Houbo bandas que non se enteraron e é unha grande mágoa. Tamén houbo outras que se enteraron pero que por diversas circunstancias, e moi ó seu pesar, non poideron achegar a súa canción pero o que nos quedou claro de toda esta aventura é o enorme, tremendo, sentido e verdadeiro aprecio e admiración que os grupos do rock en galego senten por Zenzar.
Foi emotivo ver o cariño, a ilusión e a respondabilidade que toda a xente involucrada no proxecto mostrou por este disco homenaxe.
Aí quedan para sempre as versións de Machina dende Cerceda, Deseqilibrio Mental dende a Casalonga, Invivo dende A Ulla, Som do Galpom dende A Moniña, Nao dende A Estrada, ruxe-ruxe dende Aríns, Pito de Pikasso dende Amio, Balbordo Público dende as Fontiñas, Compañía do Ruído dende o Barbanza, Medomedá dende a Casalonga, Mr. Kamándula dende a Estrada, Raiba dende Caldas, K-Raxe de Carballo, Chícharo Psicótico de Ordes, O Jallo Light dende Cerceda, Os tres Trebóns e os homes sen medo dende a Coruña que máis rabuña, Dios ke te Crew dende Ordes e Secho e os invisibles dende Dodro.
Todas as bandas, todos os músicos, técnicos, deseñadores. De todos e cada un deles é este tributo e a todos eles o único motor que os moveu foi a admiración, cariño e respecto por Zenzar. Ningunha parte foi máis ou menos importante que outra e o que sacou adiante o proxecto foi o máis fermoso e enérxico poder da colectividade.
Haberá quen pense mal, quen se sinta excluído ou incluso quen vexa escuras intencións sobre este proxecto pero que saiban que este disco somentes foi a xuntanza duns amigos para cantarlle ó 25 aniversario musical doutros amigos. Sen máis historia … e non é pouca. Ogallá se xunten outras tantas bandas e lles fagan outro disco e iso xa sería absolutamente fascinante. Zenzar vaia se o merecen.
Agora, polo que nós sabemos, farase unha presentación oficial do disco aproveitando un concerto dos propios Zenzar en datas vindeiras (a festa será das de gardar na lembranza) e poderanse mercar exemplares do disco na rede en breve. E sobra decir que os “beneficios” que poida traer a venda dos discos irá destinada a unha moi boa e xustificada causa pois en ningún momento houbo ningunha intención de sacar ningún beneficio nin económico nin de ningún tipo en toda esta historia por parte de ninguén.
Tamén é de agardar que nestos días cada banda vaia colgando e distribuíndo pola rede e ó seu antoxo a súa canción de maneira que todo o mundo teña acceso a disfrutar das pezas deste tributo.
…
E agora, e se nos permitides, de parte de ruxe-ruxe simplemente decir que é unha honra ben grande poder compartir músicas nun disco con tan boas bandas e sobre todo con tan boa xente. Orgullo de compañeir@s. E enriba para celebrar os 25 anos dos nosos irmáns Zenzar.
Apertas para tod@s e moitos e merecidos parabéns.
Sobre todo para Zenzar … 25 anos non nos chegaron a nada … que sexan outros tantos e que nós vos disfrutemos.
Bicos ! irmáns !