Uxía
viaxa a Escocia a próxima semana para participar no Celtic
Connections
A cantante debuta como solista
nesta cita internacional que se celebra cada ano en Glasgow.
Compartirá escenario con Cruinn o 1 de febreiro e con The Pozzies o
día 3.
Despois
de ter participado no festival escocés no ano 2006 formando parte do
espectáculo Harvest,
nesta vixésima edición Uxía
debuta como solista con dobre presenza no programa. O venres 1 de
febreiro actuará xunto á banda de Cruinn no The Glasgow Art Club; e
o domingo 3 de febreiro cantará en St Andrew’s in the Square,
canda ao grupo The Pozzies.
O
festival Celtic Connections é o máis importante a nivel europeo no
eido da música de raíz céltica e os artistas galegos están
logrando que os programadores confíen neles edición tras edición.
Carlos Núñez e Berrogüetto participarán tamén no festival canda
Uxía, quen salienta que nesta ocasión o CC “apostou por artistas
que teñen detrás unha sólida traxectoria musical. É importante
que nos valoren e formemos parte do entramado do folk europeo. Creo
que a presenza constante de artistas galegos no cartel significa un
recoñecemento por parte deles da nosa boa calidade”.
Uxía actuará en
formato trío achegando ao festival unha relectura dos temas
fundamentais do seu repertorio en directo e temas que ata agora nunca
tiña abordado; a nosa tradición mesturada coas achegas da
lusofonía; 25 anos de traxectoria musical condensados nos temas do
disco MEU CANTO, que entrou directo ao número
7 das listaxes europeas World Music e que o ano pasado acadou o
recoñecemento dos Premios Opinión e dos Premios da Música
Independente.
A
cantante galega desembarca no CC nunha edición na que o festival se
está abrindo a outras sonoridades que non son as estritamente
célticas. A propósito disto Uxía comenta que para ela “formar
parte da programación do Celtic Connections é importante porque é
un dos mellores festivais que coñezo. Hai moitos concertos na
programación e gústame o concepto que manexan. O publico paréceme
esixente e desexo que a miña incursión sexa interesante, aportando
un proxecto afastado da conexión céltica e achegado a Brasil e
Portugal”.