ENTREVISTA A TARANTELA RABUDA

Conta a lenda que existe no Morrazo un manantial inagotable do que non paran de xurdir formacións musicais a esgalla. Unha destas formacións, A TARANTELA RABUDA, leva xa catro anos misturando ritmos bailables e letras de amigo, escarnio e ben vivir na súa cocteleira particular, que xa tiveron oportunidade de amosar en festivais coma o Sonrías Baixas, o Primavera Baixo Presión ou o Ir Indo. Falamos con Manel e Álex, os seus fundadores, deses catro anos de historia e do futuro por vir.

Contádenos un pouco a historia do voso grupo. De onde vides os integrantes? Xa formabades parte doutros proxectos musicais?


 A orixe da Tarantela Rabuda remóntase a un proxecto que tiñamos nolos dous vai xa para cinco anos e que se chamaba A Pianola Rebelde. Manel e eu xa habíamos coincidido noutro proxecto moi anterior chamado La Abuela Fuma. A primeira intención con A Pianola Rebelde era arranxar e grabar unha serie de cancións compostas por Manel. Ó final empezamos a facer algúns directos como dúo e ó ver que as cancións funcinaban e a xente lles gustaban decidimos formar unha banda, A Tarantela, pola que pasaron varios integrantes ata chegar a formación actual que somos Manel Nores (guitarra española e voz principal), Álex Lorenzo "Máster" (teclados e coros), Fran Núñez (baixo e coros), Fernando "Trenas" (batería) e Samu (guitarra eléctrica e coros). Temos un E.P. autoeditado que se chama "Puro Veleno" e temos intención de comezar en primavera a grabación do noso primeiro L.P.

Que é unha Tarantela Rabuda? vai ligado o nome co voso estilo musical?

 Pois parece ser que alá polo século XVI e VXII era moi común no sur de Europa unha especie de tarántula moi velenosa e que as víctimas da súa picadura debían suar para expulsa-lo veleno e librarse dos seus efectos, así que os músicos das vilas adoitaban ter no seu repertorio unha serie de melodías de tempo moi vivo, as coñecidas tarantelas italianas, e que tocaban para que as víctimas destas tarántulas bailasen e suasen. As nosas cancións mezclan estilos bailables coma o reggae, a rumba, o ska, etc., e unha gran porcentaxe das nosas letras falan das cousas cas que non estamos dacordo, son letras de protesta contra o conformismo e o sistema capitalista e opresor da sociedade actual, polo que definimos o que facemos como "música de baile para bota-lo veleno fóra". Iso é A Tarantela Rabuda.

 Apostades polo galego nas vosas letras, considerades necesario facelo? credes que no panorama musical do pais está normalizado o emprego do galego?


 Non é cuestión de necesidade, é o noso idioma, o idioma da Tarantela. Si temos cantado e pensamos facer algunha versión en castelán, porque nos gustan moitos grupos que cantan en castelán. O que nunca se verá, por exemplo, é á Tarantela cantando en inglés. Seguro que hai xente que non está dacordo pero nos creemos que si que está normalizado o emprego do galego na música en Galicia. Hoxe en día faixe hip-hop, metal, pop, jazz, e ata sei dalgún proxecto de música house en galego. Tamén é certo que inda hai moitas bandas con prexuízos co idioma que se empeñan en facelo en Castelán ou en Inglés co pretexto de "ter máis saída", pero persoalmente creo que unha banda vai a funcionar mellor ou peor dependendo da calidade da súa música máis que do idioma que empregue. Se unha banda decide compoñer en castelán porque é como lles sae ou como o sinten nos parece totalmente respetable, pero cando rechazan o uso do galego "porque non ten saída" creemos que caen nun erro.  Onde si que creemos que hai que facer máis esforzos é na promoción do consumo da música en galego en certas idades. Falta crear canteira de consumidores de música galega entre os adolescentes.

Como vedes o panorama musical na comarca do morrazo? hai posibilidades de que un grupo coma o voso se desenvolva? tal vez houbo un tempo que o morrazo estivo moi ligado ao estilo punk, segue a acontecer isto ou nótase unha maior variedade?


 Xurxo Souto sempre bromea con que no Morrazo nace unha banda cada 4 minutos. Para ser unha comarca sen unha gran cidade coma Vigo ou Coruña temos unha producción musical moi boa, tanto pola variedade de estilos como pola calidade. Contamos con algúns dos mellores gaiteiros e músicos folk de Galicia, músicos de jazz de primeira línea, o noso punk forma parte de carteis de festivais fóra das fronteiras galegas,  hai unha canteira de hip-hop, temos bandas de metal, de pop e incluso de rancheras, colectivos de electrónica,... En canto ás posibilidades de que un grupo se desenvolva  creo que dependen máis da calidade do que se fai, da constancia e da perseverancia que do sitio de onde é.

E a crise? Como afecta a crise á música en directo?
 A crise tivo un dobre efecto na música en directo. Por un lado multiplicáronse os escenarios porque moitos locais empezaron a programar para atraer clientela, o cal é bo. Pero iso provocou que o público se esparcise máis e que locais cun amplo historial programando concertos comezasen a perder afluencia. Ademáis, moitos dos novos locais carecen de criterio para programar, e dalles igual unha banda de rock, o grupo punk do barrio, un dj ou un monologuista, moi de moda últimamente, con tal de ter algo que por no feisbúc. Enriba, como estamos en crise  ninguén ten un can, e cando vas cunha banda de cinco músicos pedindo 200€ dinche que para iso levan mellor un dj que lles cobra a metade e ós clientes dalles igual. Así que te ves pelexando por catro "perras" con toda a fauna do show bussines. E despois están as salas que antes valían a pena e  por culpa dalgúns  que empezaron a pagar  para que os deixaran tocar, agora cobran por tocar nelas, o cal é do máis surrealista. É como se lle pagases a alguén por servir copas no seu local ou por cavarlle a leira do millo.

E no futuro? Que é o que lle agarda á Tarantela?
Ben, pois como xa dixemos temos intención de escomezar nos próximos meses a grabación dun novo traballo. Estamos programando tamén os primeiros concertos coa nova formación e agardamos poder facer uns cantos festivais por toda Galicia para seguir esparxindo a nosa música e a nosa alegría no escenario por toda a comunidade. Tamén hai algúns plans de grabar un novo videoclip e.... ata aqui podemos leer.

Pois desexamosvos moita sorte e que vosos plans se cumplan. Moitas grazas por falar connosco.

 De nada, foi un pracer. Moitas grazas a vos por apoiar a música galega. Apertas rabudas!!