Abe Rábade
Pablo Martín Caminero ao contrabaixo
Bruno Pedroso á batería
Presentan o seu novo disco, "A Modo"
...a liberdade respira entre acción e pensamento...
A Modo é o oitavo disco como líder do pianista compostelano Abe Rábade. Seis composicións orixinais e unha versión do fado “Carmencita” integran un traballo en formato trío xunto a Pablo Martín (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Esta formación estable ofreceu concertos ao longo dos últimos anos en numerosísimas salas e Festivais de Jazz, destacando a súa presencia nas cidades de Santiago de Chile, La Habana, Madrid, Lisboa, Sevilla ou Berlín. O anterior traballo discográfico da banda, “Zigurat” recibiu o premio ao Mellor Álbum de Jazz do Ano 2010 por parte da UFI (Unión Fonográfica Independiente).
A coidada selección de composicións para o repertorio de "A Modo" favorece o compromiso coa intuición dos seus intérpretes así como a complicidade co oínte. Tres solistas e acompañantes manexan un triángulo tímbrico con mimo: rico en texturas, dun amplo rango dinámico e cheo de emoción.