Terra da Fraternidade enche o Auditorio de Galicia


Terra da Fraternidade enche o Auditorio de Galicia este xoves

  • As entradas para acudir o festival esgotáronse antes de que se puidera abrir a taquilla do Auditorio

  • Dúas horas de concerto nas que se fará un homenaxe ao Zeca Afonso, as súas cancións e o espírito de protesta que simboliza

  • No festival tamén haberá proxección de documentais, monólogos e moda


SANTIAGO, 9 DE MAIO. O Festival Terra da Fraternidade, unha iniciativa autoxestionada e sen ningún tipo de financiamento público ou privado que ten como obxectivo primordial homenaxear a Zeca Afonso, conseguiu encher o Auditorio de Galicia, con máis de 900 butacas. Todas as entradas foron vendidas on line antes de que se puidera abrir a taquilla do auditorio. Os concertos comezarán ás 21h deste xoves 10 de maio, aínda que arredor das 18h xa estará o grupo Trópico de Grelos facendo ambiente nas rúas de Compostela.

Os máis de 30 artistas que participan nesta celebración pretende demostrar o alcance do aporte do cantautor portugués Zeca Afonso e a transcendencia que tivo para os países lusófonos a súa música. Pero durante esta semana non se conmemora a morte do artista, senón o seu arte e compromiso social, que expresa como ningunha a súa canción Grândola, Vila Morena, que interpretou por primeira vez en público o 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións de Santiago de Compostela. Aínda que este 2012 tamén se conmemora o 25 aniversario da morte de Zeca Afonso, este grupo de creadores optou por celebrar o seu valor e a súa arte, máis que o súa desaparición.

Os artistas que forman parte do cartel e que donan o seu talento a este homenaxe son: Quico Cadaval, Banda Utopía, García e Leo, Joao Afonso, Xabier e Guille Fernández, Tiago Gomes, Ico e Xurxo Souto, Carlos Blanco, Xico de Cariño, Ses e Bocixa, Ze Rui, Trópico de Grelos, Aline Frazao, Fran Pérez, Uxía, Sergio Tannus, Vituco, Adrián Beiroa, Najla Shami, Brais Morán, Chévere, Banda Fura Fura e os 7 Magníficos máis 1... e moitas sorpresas máis. Todos eles arroupados polas Bandas Utopía e Fura Fura.
No festival ademais de disfrutar da música e o resto de expresión artísticas poderase adquirir materiais promocionais como camisetas ou tazas, e mercar o xornal impreso para a ocasión con textos de xornalistas e escritores que tamén queren facer a súa homenaxe ao cantautor.

A gala, que terá unha duración aproximada de dúas horas, transmitirase en streaming por Internet para que as persoas que non teñan a oportunidade de acudir a festa, poidan presenciala en directo on line, tamén retransmitirase pola Radio Galega e Radio 3 realizará un programa especial posterior ao festival. Os organizadores pretenden que sexa un transcorrer de actuación de distintos ámbitos, sen presa, pero sen pausa. Á música folk, sucederalle un poema, para continuar cunha presentación circense, cun pase de moda ou cunha actuación de rock. Os músicos compartirán escenario, misturaranse uns cos outros, compartirán letras, instrumentos e equipo, para facer do 10 de maio do 2012 una gran festa da cultura galega e portuguesa. Unha unión fraternal, como eles cren teríalle gustado ao propio Zeca Afonso.