XANEIRO 14 CANTOS NA MARÉ PAZO DA CULTURA PONTEVEDRA
- O Pazo da Cultura de Pontevedra celebra o 14 de xaneiro ás 21:00h a novena edición do máis importante festival internacional da lusofonía.
- Compartirán escenario figuras consagradas e talentos emerxentes das músicas do mundo, nunha noite na que soarán fado, morna, música popular brasileira e canción de autor galega.
- Cantos na Maré e unha produción de Nordesía co patrocinio do Concello de Pontevedra e a colaboración de Agadic e Novacaixagalicia
- Uxía admitiu que, chegados á novena edición, “é difícil seguir sorprendendo, pero imos tratar de facelo unha vez máis”. Cantos na Maré é para a cantante e directora artística do evento “unha aposta polo contacto, o intercambio, a fusión, a investigación das raíces comúns. É unha oportunidade para reflexionar sobre a nosa identidade”.
Os artistas participantes
Carlos do Carmo é sinónimo de fado. Hai case medio século que iniciou unha carreira artística consagrada á canción de Lisboa, converténdose nunha das súas voces máis emblemáticas. A súa preocupación por evolucionar cos tempos fai que siga a ser un referente para as novas xeracións, que atopan nel o carisma, a elegancia e a frescura dun artista universal que levou a música portuguesa aos mellores escenarios dos cinco continentes.
Mayra Andrade pode presumir aos seus 26 anos de ter compartido aventuras musicais con Charles Aznavour, Youssou N'Dour, Carlinhos Brown, Angélique Kidjo ou Lenine. Non é unha cantante máis: é a voz chamada a marcar unha nova etapa na música de Cabo Verde. Inconformista e atrevida, foxe de etiquetas explorando as vías menos transitadas, coa convicción de que é necesario experimentar para crecer.
Socorro Lira xunta coñecemento do pasado e creatividade contemporánea. Vén do sertão brasileiro, ama as músicas do seu país e traballa arreo para divulgar as súas manifestacións máis xenuínas. Ao seu valioso traballo de recuperación do patrimonio musical do estado de Paraíba seguiu un proxecto ambicioso que a uniu para sempre a Galicia: é Cores do Atlántico, no que fai unha interpretación en clave actual das cantigas de amigo da lírica galego-portuguesa.
Xoán Curiel fai pop galego libre de prexuízos. As súas cancións agochan sorpresas agradables: instrumentacións cálidas, arranxos atrevidos, influencias da música étnica e letras conectadas co presente. Magnético Zen é o seu último álbum, no que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual. Unha sacudida necesaria para espantar o medo de enfrontarse ao presente.
Entradas xa á venda
As entradas ao espectáculo están á venda desde hoxe a través do servizo de venda anticipada de Servinova (www.servinova.com e 902 504 500) a un prezo de 12 euros (gastos de xestión incluídos). Véndense por anticipado ata esgotar localidades. No despacho de billetes poderanse adquirir a 15 € o mesmo día do concerto, no Pazo da Cultura de 19:00h ao comezo do espectáculo.
musica en galego cantos da mare
musicaengalego cantos da mare