PRESENTACION MIGALLAS PAN DE MILLO


PRESENTACIÓN DO LIBRO-DISCO “PAN DE MILLO” E EXPOSICIÓN DAS ILUSTRACIÓNS


Con María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, e co artista plástico Dani Padrón

“Pan de millo” presentarase este sábado 16 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16) de Santiago de Compostela, con entrada libre e de balde. María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, interpretarán varios temas deste novo traballo dirixido a público familiar: un libro-disco que reúne 14 cancións e versións de temas tradicionais que forman parte do repertorio dos seus espectáculos e actividades de expresión dramática.

PODEDES ESCOITAR  na web de Migallas
-Miña “Abuela Manuela”: http://www.migallas.com/Minha_Abuela_Manuela
-O espantallo divertido: http://www.migallas.com/O_espantallo_divertido
A partir das cancións, Dani Padrón creou unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes. Precisamente, as ilustracións de “Pan de millo” van estar expostas ao público na Galería Sargadelos e poderanse visitar en horario comercial ata o 12 de xaneiro.



Os arranxos e adaptacións das cancións están realizados por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.



É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua.



No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana. Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.

contacto: Migallas (tlf. 630 872 668):

http://www.kalandraka.com/ga/coleccions/nome-coleccion/detalle-libro/ver/pan-de-millo/