ROI CASAL VIDEOCLIP CASEIROS


Roi Casal e a súa banda veñen de dar a coñecer, en colaboración coa produtora de “Caseiros”, o videoclip que porá música á serie que en poucas semanas se comezará a emitir na TVG. Esta peza formará parte do novo disco que a banda prevé sacar na vindeira primavera, e no que, en palabras de Roi Casal, “xa levamos traballando moito tempo, con moitas ganas e con moita ilusión, para transmitir a nosa mellor música, pero tamén algo máis”. En palabra do catoirense, “queremos proxectar en cada son, en cada acorde, en cada verba, a nosa forma de ver e sentir o mundo que nos rodea”.

O proceso de gravación da cabeceira da serie foi, en palabras de Casal, “moi ameno e divertido”, e sobre todo cando, “se fai cun equipo humano con experiencia e que sabe facer as cousas ben”. Neste sentido, “pódese observar que o vídeo desprende diversión, ao igual que a serie, que quere facer pasar un bo rato á xente”. O músico augúralle moitos éxitos, “e para nós é un auténtico pracer que se nos asocie con esta produción do audiovisual galego, con actores coma Isabel Risco ou Pepe Suevos e baixo unha dirección extraordinaria”.

Caseiros

Caseiros é unha divertida comedia de situación que conta a convivencia forzosa entre personalidades variopintas e aspiracións moitas veces irreconciliables e sempre disparatadas. Roi e Lola, dous irmáns, acaban de mudarse a un apartamento de alugueiro, propiedade de Eladio e Viruca, caseiros que ademais teñen un fillo, Lalo, capaz de facer voar o edificio ó menor descoido. Roi e Lola terán que lidar tamén coa veciña Dorinda, unha vella inquilina de renda antiga, demasiado afeccionada ao viño en cartón.

Roi Casal

http://musicaengalego.blogspot.com.es/2011/06/roi-casal.html

Nacido en 1980, Roi Casal é un músico, compositor e cantante galego de gran virtuosismo, xa que dende os 14 anos toca a arpa céltica, a zanfona, o piano e o bouzoki. Formado na arpa céltica co reputado Mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte de Milladoiro no ano 2000.Tras case unha década de carreira co grupo na que grava seis discos, no ano 2008 inicia a súa carreira en solitario co Lendas Douradas, un dos discos máis vendidos durante o ano 2009 en Galicia. Composto por doce cancións, neste traballo fusionábanse a música tradicional e a modernidade dunha forma natural e harmónica. Dous anos despois, en febreiro de 2011, Roi Casal publica Maxicamente vello, un traballo de estudo que amosa a madurez dun artista sen complexos.