Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional


Coordinado por Cástor Castro.
Equipo de investigación: Cástor Castro, M.ª Socorro Rúa, Iván Area, Roberto de Andrés, Félix Castro, María del Carmen Gil, Pablo Carpintero. Texto de Delfín Caseiro e Cástor Castro. Reportaxe fotográfica de Alba Vázquez Carpentier.
Edición para o Museo da Limia, de Vilar de Santos.

A través das páxinas deste libro descóbrense as historias de vida de moitos músicos tradicionais que naceron ou desenvolveron o seu labor na comarca da Limia. Este Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional é a segunda entrega editorial do Museo da Limia, na súa tentativa de recuperación e posta en valor dos activos identitarios e dos homes e mulleres da comarca. Para alén dos obxectivos que se marcaran no Catálogo de autores da Limia. Literatura e Humanidades, esta obra pretende un outro obxectivo que se pode dicir máis social: o recoñecemento dos músicos tradicionais, para así dignificarmos o seu saber, a súa arte e a eles propios.

Experiencia innovadora no ámbito galego, toma como punto de partida estudos de campo feitos desde 1994, tanto por xente da Aula de Música Tradicional Gomes Mouro (Cástor e Félix Castro, Iván Area, Fran Gómez Cano…), como por Pablo Carpintero, e mesmo con algún material achegado polo Colectivo Castro Floxo, que daba unha listaxe inicial duns 15 músicos. Os autores dedicáronse a realizar novas entrevistas, novas gravacións dos repertorios, a visitar gaiteiros citados polos anteriores e pendentes de recoller, a entrevistar familiares dos xa falecidos para que deran máis datos sobre a súa vida, etcétera.

Froito deste intenso traballo, a listaxe final mostra máis de 125 músicos ou agrupacións tradicionais (máis de 250 ao contar individualmente os membros de cada grupo —caixa, bombo, etc.—), dos que no catálogo saen referenciados 79, e abrangue desde finais do século xix até mediados os anos 80. Recóllense tanto gaiteiros solistas e grupos de gaitas como acordeonistas (principalmente de diatónico), violinistas e acordeonistas cegos, e mesmo algún grupo (denominados «músicas» na zona), e tamén de modo testemuñal varias cantareiras destacadas.

Neste catálogo, de 64 páxinas, inclúense ademais 16 partituras seleccionadas do repertorio dos músicos que aparecen —cuxa gravación orixinal se pode descargar en internet—, e fotografías antigas.

Dado o inxente material acumulado (máis de cen entrevistas, máis de oitenta horas de audio, máis de catrocentas pezas de repertorio, e moitas fotografías antigas, etc.), os autores xa están a elaborar unha obra máis ampla, de próxima aparición.

Editado por: DIFUSORA DE LETRAS, ARTES E IDEAS e na nossa web (www.difusora.org)

64 páxinas en bicolor
Capas en cor
Encadernación en capa mol, con lapelas
Primeira edición: maio de 2005

Está esgotado