KOROSI DANSAS

XÉNESE

MANIFESTO "FUNDACIONAL". VERÁN 1988

"THE NAME OF THIS BAND IS KOROSI DANSAS"

KOROSI DANSAS é unha banda formada no verán de 1988 en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, con fins exclusivamente reivindicativos e protestóns. A base operativa da banda está situada na Casa da Xuventude da vila, convivindo con alfareiros, pintores e demais piratas das artes. Os compoñentes levamos xa varios anos formando parte de varias agrupacións locais, feito que non ten relevancia á hora de partir de cero no momento de crear a nosa propia música, sen ter en conta necesariamente as influencias do pasado musical de cada un de nós.

Levounos a montar esta banda a ansia común que temos fronte a certas e moi concretas irregularidades políticas, sociais e culturais do noso entorno, do noso Concello, pero tamén do mundo como simples humanos, contando coa arma legal que significa ter un instrumento nas mans, unha letra que teña algo que dicir, algo que comunicar ó publico, utilizando en ocasións un certo tono satírico, polo que ás veces se nos pode chegar a tildar de grupo "simpático ou desenfadado".

En canto ó estilo, á música que facemos KOROSI DANSAS, non nos queda outro remedio que autocalificala como incalificable, posto que as fontes de referencia das que bebemos son tantas e tan variadas, que non se lle pode aplicar unha etiqueta comercialmente recoñecida. O termo que mellor podería definir dalgún xeito a nosa música é ROCK DE BATEA, acuñado polo grupo. Posto que procedemos da terra do mexillón con sabor a gasóleo de lancha contrabandista e que as nosas noites están amenizadas polos sons procedentes do estraperlo e desfalco a facenda, coidamos que é o termo máis axeitado.

A banda está formada por:

XURXO ROMERO: Guitarra, voz, coros.

MANUEL SEIXAS: Guitarra, voz, coros.

XOSÉ A. PORTO: Baixo, voz, coros.

ROBERTO CAMBA: Batería, danzas.



Aínda que sen a axuda de moita outra xente non teriamos chegado ata aquí.



KOROSI DANSAS.

- Título: Os Ghalisáns
- Artista: Korosi Dansas
- Clip: Paco Rañal
- Emitido no programa: Xabarín Club (TVG)



TÍTULO: CORDURA
XÉNERO: CD Audio.
EDITORIAL: Man Records
PUBLICACIÓN: Marzo, 1.995.
¿Como conseguilo?: En tendas de discos, ou contactando directamente con:
Madame Mir; Ponte de Sar 73, baixo. 15702 - Santiago.
Tfnos: 981-589316/981-589314 (Fax)
e-mail: madamemir@madamemir.com
http: //www.madamemir.com


Temas da obra::

01 - Faneca
02 - Testemuña ocular
03 - Lume obrigatorio
04 - Fausto
05 - Ráfaga
06 - Sangre, sudor y mierda
07 - Hai tempo xa
08 - Azul cielo
09 - Desorden en la Ría
10 - Agora, xa
11 - Otra vez las nueve
12 - Gústanme os teus ollos
13 - Mosca
14 - Nada que perder
15 - Maruxa
16 - Bebo
17 - Donpepito
18 - Repollo


TÍTULO: NON!
XÉNERO: CD Audio.
EDITORIAL: Edicións Chorima
PUBLICACIÓN: Marzo 1.996
¿Como conseguilo?: Contactando directamente.
Visita a TENDIÑA






Temas da obra::

01 - Chernobil Potemkin
02 - Farto
03 - Así está mellor
04 - Jason
05 - Placer
06 - Queridos irmáns
07 - Amén, amén
08 - Non !
09 - Gran Vía
10 - Buratos negros
11 - Huecos
12 - A) Ela
13 - B) Ela flasback
14 - Hoy y ayer y también mañana (O, por favor tócame)

KOROSI DANSAS aseghun  Josito

Incluímos eiqui este texto de Josito Porto extraido do proxecto sonhando con seixas http://www.sonhandoconseixas.eu/josito-porto/


"E un día paseando abollado pola Praza do Castro, cando na rúa cheiraba a fume de canuto e podías apurar unhas birras sentado na fonte, en fronte dalgún daqueles bares topeime con Manuel. Eu viña dun desengano musical do que fora Año Sabatico e Manuel tamén intentaba superar a disolución de La Vieja Táctica.
Mirámonos no fondo dos ollos e prometímonos amor eterno, iso si, cun sorriso eternamente inquietante. Dúas semanas máis tarde entrei a formar parte da FAMILIA KOROSI DANSAS.
Un par de ensaios e a desvirgarnos na propia praza na que uns días antes ofreciamos os nosos corpos por un par de acordes xuntos.
Aquel hostiazo na liña de flotación dun concello que pelexaba a prol dunha Cortegada perfectamente urbanizada converteuse nalgo realmente importante, sobre todo para min. Aquel concerto Contra a Urbanización da Illa de Cortegada, cos membros do concello diante, foi o xérmolo da unión “ate que a morte nos separe” de catro rapaces que tiñamos ganas de amar, rir, cuspir, cagar en galego. O galego na música non podía servir só para facer a banda sonora de Paco Martínez Soria na gran cidade, estabamos convencidos pero tampouco queriamos ser o exemplo de nada nin para ninguén.
A partir de aí moitos risos, moita rabia, moitas bágoas, moito sangue, suor e merda. Aprendín tantísimo destes elementos que non teño palabras para expresar o meu agradecemento.
Uns anos máis tarde a familia foi medrando coa aparición na nosa vida de Santi Frutos, o descerebre estaba servido. Nun momento delicado apareceu a figura de Carlos Blanco ofrecéndonos a posibilidade de transformarnos en TRONADA, o conxunto musical que acompañaba ao Sr. Paco naquel inesquecible Directamente Paco. E tantas persoas que acabaron sendo moi importantes na traxectoria da banda.
Ensaios perfectamente controlados e ordenados que se transformaban na tolemia, os litros de suor e o desfase que caracterizaban os nosos concertos.
Inventándonos unha etiqueta, Rock de Batea, para evitar que ninguén ousase poñernos unha etiqueta xa manida, fomos debullando unha amizade que pasa por riba dos longos periodos de tempo sen saber nada uns dos outros, das grandes discusións internas, das grandes alegrías que tamén houbo, das inxustas desaparicións provocadas por ese gran ditador que parece ser Deus. Cada un eramos un mundo pero xuntos eramos unha bomba de reloxería, sempre a piques de estoupar. Sen preocuparnos pola imaxe nin polo show. A única preocupación residía en tocar a febra que nos saía de dentro, abrir as nosas entrañas e amosalas sen nengún tipo de pudor ante o respectable.
E unha noite, despois de bailar apertados coas cabezas pegadas e chorando nun pub no medio da pista escoitando U2, deixei KOROSI DANSAS por un traballo que requería dunha certa exclusividade e, aos poucos días, despois de decatarme que non podía vivir sen esa miña FAMILIA, deixei aquel traballo e volvín a aquela precariedade económica pero riqueza interior.
E outro día deixamos de tocar e cada quen seguíu o seu camiño. Pero iso xa daba o mesmo, cada un levamos dentro algo así coma un estoupido eterno que nos marcará por sempre, unha actitude que non sabería definir…de batea?
Tes que perdoar este coñazo pero é que non podo falar de ti sen falar de Xurxo, de Roberto, de Santi. De KOROSI DANSAS.
A xente, cando lles comentei que iamos facer esta xuntanza-homenaxe, non paraban de contar o bo tío que es, o gran profe que es, o gran creador que es, o gran implicado que es, o…e eu non podía disimular un xigante sorriso interno porque eu non podo deixar de pensar que, gracias a ti, formei parte dun grupo de ARTISTAS MULTIMERDA que me marcaron para sempre.
Saúde e Forza, Marulo!        ARRIBA ESAS CAÑAS!!!!!
Josito Porto (artista multimerda pero, sobre todo, amigo)"

MAIS INFO :