
Alba María impúxose aos restantes sete finalistas na gala decisiva do I Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. O director artístico do certame, Xoán Curiel, salientou que o xurado tivo un labor “difícil” polo “elevado nivel” dos oito artistas que chegaron á fase final do concurso.
Carme Hermida, concelleira de Cultura e membro do xurado, foi a encargada de xustificar o premio “polo enraizamento da proposta musical de Alba María na tradición galega e pola orixinalidade, variedade e actualidade das sáus cancións”.
Ademais de Hermida, formaron parte do xurado Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas representando á parte artística; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com en representación da prensa especializada e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións representando as industrias culturais.
Como premio, Alba María vai ter a posibilidade de gravar un disco de oito temas. Para tal fin, contará co local de Nsaio de Teo, facilitado polo Concello. Ademais, disporá dunha serie de concertos e de promoción dese primeiro traballo discográfico.
A concelleira de Cultura teense destacou tamén que “o resto dos participantes, a pesar de non gañaren, deben estar orgullosos da súa participación”. Tras destacar “a diversidade das propostas”, Carme Hermida expresou o desexo de que o ano que vén “poidamos celebrar a segunda edición deste certame”.
Premios do público


Alta participación
A esta primeira edición do certame inscribíronse 23 artistas, unha cifra elevada que “superou as nosas expectativas”, enfatiza Xoán Curiel. Número amplo, “como tamén ampla foi a calidade demostrada”, conclúe.
5 de abril de 2014.