CANTOS NA MARÉ 2017



O día 26 de decembro de 2016 en Pontevedra presentouse en rolda de prensa a próxima edición de CANTOS NA MARÉ, o Festival Internacional da Lusofonía que terá lugar o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

E os seus protagonistas serán Guadi Galego, o guineano Manecas Costa, o angolano Paulo Flores, a portuguesa Celina da Piedade e a brasileira Kátya Teixeira, ademais dun último convidado sorpresa que se desvelará nos vindeiros días.

Ao acto de presentación asistiron Anxos Riveiro, responsable de Cultura do Concello de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director de AGADIC; Uxía, directora artística; e Vítor Belho, responsable de Nordesía, produtora do Festival. Anxos Riveiro falou de “renovar as ilusións” mentres Xosé Leal, destacou que se trata dun evento “que fai que Pontevedra se converta na capital de toda a lusofonía”. Pola súa parte, o director da Agadic explicou que 'Cantos na Maré' cobra un sentido aínda máis necesario desde a entrada en vigor Lei Paz Andrade e lembrou que a figura de Narf “ben pode ser o símbolo de ‘Cantos na Maré’, por canto toda a súa carreira tivo de xenerosidade musical e de alento positivo a través da crenza firme na música como lugar común, feliz e posible, por riba dos territorios". A este respecto, Uxía avanzou que “ímolo lembrar como a el lle gustaría, con moita alegría e coa música afrogalega por bandeira”. Por último, Vitor Belho asegurou que esta vai ser “unha edición das máis espectaculares e marca o fin dun ciclo que dará pé a un novo proxecto que vai abrir novos camiños para a internacionalización dos nosos artistas e tamén das actividades vinculadas á música que empregará a cidade de Pontevedra como escenario e no que a cidadanía terá un papel moi importante”.

Desde o pasado venres xa é posible mercar as entradas en ataquilla.com para asistir á décimoterceira edición dun festival que pecha unha etapa con este formato e que dará paso nas vindeiras edicións a unha nova fórmula na que participarán moitos axentes e colectivos que ampliarán esa rede de afectos construída ao longo destas trece edicións.

Este ano imos lembrar e celebrar a Fran Pérez, Narf, un artista paradigmático e un exemplo de como se tecen redes, de como se establecen vínculos con outras culturas desde o respecto e o coñecemento mutuo, desde unha mirada que vai máis alá dun simple intercambio musical. E ninguén mellor para lembralo que o seu irmán musical, o guineano MANECAS COSTA, que gravara xunto a Narf o disco ‘Aló Irmão’ en 2009. Manecas Costa forma parte da gran familia musical de CANTOS NA MARÉ desde a súa participación na edición do 2005. A partir de aí teceu unha rede de colaboradores galegos cos que ten presentado varios proxectos, construíndo esa comunidade musical que está na vontade e na filosofia deste festival.

Seguindo pola banda africana, o outro protagonista será PAULO FLORES, unha das principais referencias da música de Angola e un defensor incansable do Semba, o estilo musical que resulta dun proceso complexo de fusión e transposición, sobre todo da guitarra, de segmentos rítmicos diversos, asentados fundamentalmente na percursión, elemento base das culturas africanas.

Do outro lado do océano chegará KÁTYA TEIXEIRA, unha cantora brasileira (de São Paulo) nada nunha familia de músicos, compositores e investigadores da cultura popular, e que trae no seu traballo musical toda esa bagaxe e tamén o resultado das súas andainas e recollidas polo Brasil. A música de Kàtya incorpora todos eses saberes e sonoridades, facendo reverencia aos mestres populares e ás manifestacións culturais auténticas do Brasil.

E desde o Alentejo aterrará no Pazo da Cultura CELINA DA PIEDADE co seu acordeón e coa súa voz, ademais do seu inmenso carisma. No seu repertorio, os temas do cante alentexano crúzanse con novas melodías, composicións propias e outros autores, como o arxentino Atahualpa Yupanqui, o brasileiro Gilberto Gil, e o portugués João Gil.

Outra das protagonistas será GUADI GALEGO, unha das nosas grandes. Ela representa neste momento un dos camiños máis arriscados na evolución da música galega de raíz cara novos territorios, e consegue xuntar a un tempo na súa figura artística a consagración e o valor do novo. De feito, chega ao CANTOS NA MARÉ cargada con novas músicas procedentes do seu recén estreado álbum ‘O mundo está parado’; e sostendo aínda o Premio Martín Códax da Música 2016 á mellor artista na categoría de canción de autor, polo seu anterior traballo "Lúas de outubro e agosto”.

E, ademais, estarán acompañados por unha banda dirixida por Paulo Borges (director musical), coa presenza tamén no escenario de Uxía (directora artística) e dun outro convidado que anunciaremos nos vindeiros días.

Actividades complementarias
Alén do concerto, Cantos na Maré ofrece tamén actividades complementarias, como un curso de canto alentexano a cargo de Celina da Piedade; un encontro de Kátya Teixeira con escolares e unha conversa musical con Manecas costa e amig*s na Casa das Crechas o día12 de xaneiro. Nos vindeiros días concretaremos os lugares e os horarios.

CANTOS NA MARÉ está promovido polo Concello de Pontevedra, co apoio da Deputación de Pontevedra e de AGADIC, e a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Produce Nordesía.