TRASPÉS PRESENTA DE SERÁN EN ROMARÍA


O GRUPO DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL TRASPÉS PRESENTA

DE SERÁN EN ROMARÍA




O Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés é unha entidade adicada á recuperación, 
investigación, conservación e difusión do folclore.

Este espectáculo amosa a través de relatos, música e baile, 
as vivencias dun tamborileiro que percorreu grande parte da xeografía galega 
por mor das inquedanzas do seu tío, o gaiteiro Serafín.
 
Nos seus espectáculos, Traspés recrea escenas pasadas, 
coidando meticulosamente todos os detalles (indumentaria, xoería, repertorio, etc)

------------------------


Unha tarde de sol, sentado na sombra que hai ao pé da porta da súa adega, 
cun cigarro na boca e un vaso de viño na man, Manolo de Toutón recorda a súa mocidade, 
percorrendo Galicia co seu tambor para acompañar ao seu tío Serafín, “o gaiteiro do Condado”.

Tocaban en tódalas festas do Condado, pero iso a Serafín non lle chegaba, 
así, xunto co seu sobriño, marchou por Galicia adiante a tocar en toda festa na que eran contratados.

Foi así como Manoliño, con tan só 16 anos, comezou a súa andaina por toda Galicia 
descubrindo as distintas formas de divertirse que tiña a xente daquel tempo; 
gozando de Polavilas, Romarías, Entroidos, Bailes e Seráns entre outras festas;  
pasando a súa vida... de Serán en Romaría.

Fundado a finais do ano 2009 en Vigo por un grupo de amigos cunha importante traxectoria no eido do mundo tradicional,
 o Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés ten como finalidade amosar ao público a nosa realidade cultural 
a través dos traballos de recollida de campo  na que abarcamos toda a etnografía da nosa comunidade, 
intentando non desvirtuar ningún dos seus detalles.

Así, na posta en escena, podemos apreciar a forma de vida dunha época determinada, 
con información contrastada e coidando meticulósamente tódolos seus detalles tales como a indumentaria,
 a xoiería, os bailes, as músicas, os cantares, os instrumentos... propios da época e do lugar que estamos interpretando