Najla Shami - NA LINGUA QUE EU FALO (Galaxia, 2013)
Xullo é o mes de lanzamento deste novo traballo, o libro-disco "Na lingua que eu falo" (Galaxia, 2013), no que a cantora Najla Shami afonda na obra da escritora Rosalía de Castro.
Unha selección de dez cortes que reúne sete poemas da autora galega musicados por Najla, algúns deles en colaboración cos músicos Pedro Pascual, Sérgio Tannus, Narci Rodríguez e Héctor Lorenzo. Dúas novas composicións con letra en parcería co poeta Xurxo Nóvoa Martins e unha revisión do clásico Negra Sombra.
"Na lingua que eu falo" conta coa participación das voces de Uxía e Davide Salvado en dous dos seus temas e dos músicos Pedro Pascual, Sérgio Tannus, Germán Díaz, Ton Risco, Pablo Pascual, Xurxo Varela, Óscar R. Calvo, Alberte Rodríguez, Manuel Paino, Paulo Silva, Alejandro Vargas e Xosé Lois Romero. Súmanse tamén os textos de Comba Campoy e Xurxo Nóvoa Martins e a reportaxe fotográfica de Ainoa Calvo.
Un traballo maduro, íntimo e introspectivo no que a compositora galego-palestina combina as súas influencias máis recentes e as súas raíces. Acompañada pola súa guitarra achéganos a sonoridades máis clásicas e jazzísticas en temas como Negra Sombra ou Tecín Soia e fainos viaxar a latitudes do Brasil ou África en composicións como Camiño Branco, Pasa río, pasa río ou Na lingua que eu falo, na constante procura dun equilibrio entre as luces e as sombras desta poeta galega tan universal.