TONHITO DE POI O SORO DA VERDADE

Tonhito de Poi presentará na Coruña a súa experiencia “cósmica” na selva amazónica, convertida nun librodisco titulado ‘O soro da verade’

- O artista de Ribeira ofrecerá un concerto moi especial o vindeiro 18 de decembro no
Teatro Colón. No evento participará o chamán Ramón Peregrino

- As entradas, por 8 e 10 euros, xa están á venda nas taquillas do Teatro e do Concello e por internet a través de Servinova.com - Tonhito de Poi compaxina o seu traballo en solitario coa nova etapa de Heredeiros da Crus, o emblemático grupo que fundou en Ribeira a principios dos 90 Xa o dicía a súa avoa, a Duquesa de Poi: “Coa mentira podes chegar a algún sitio, pero nunca volves del”. Con esa premisa gravada a lume no corazón, hai oito meses Tonhito de Poi viaxou ao máis fondo da selva amazónica, no Perú, para atoparse coa Verdade. A Verdade con maiúsculas. A que non se pode evitar. Alí, na selva virxe da reserva do Purús, durante varias cerimonias iniciáticas e guiado polo chamán Ramón Peregrino, Tonhito de Poi viviu unha viaxe “cósmica”, unha experiencia “persoal e intransferible” convertida agora nun librodisco. Titularase ‘O Soro da Verdade’ e presentarase en directo o vindeiro martes, 18 de decembro, no Teatro Colón da Coruña, nun evento moi especial que irá máis aló dun simple concerto e no que participará o propio Ramón Peregrino. A presentación de ‘O Soro da Verdade’ comezará ás 20:30 e as entradas, de 8 ou 10 euros, xa están á venda na taquilla do teatro e na da praza de Ourense, e por internet a través do portal Servinova.com.
‘O soro da verdade’ está gravado a cabalo entre Galicia e a propia Amazonía, onde Tonhito de Poi puido recoller algún dos sonidos máis fascinantes da selva, así como fragmentos das cerimonias nas que participou, cánticos medicinais, etc. Ademais das pezas musicais, que se poderían encadrar na música de meditación ou chill out, ‘O soro da verdade’ tamén inclúe unha pista extra de vídeo con imaxes gravadas polo propio Tonhito de Poi na selva. Ademais, o disco distribuirase xunto co diario que escribiu o de Ribeira durante a viaxe e que agora convertiu nun libro ‘Diario da viaxe cósmica á Amazonía’. Tanto o disco como o libro poderanse mercar o día da presentación. Tonhito de Poi, un dos artistas máis polifacéticos e carismáticos de Galicia, compaxina este novo proxecto persoal co seu papel dentro de Heredeiros da Crus, a emblemática banda de Ribeira que revolucionou a música galega a principios dos anos 90 e que este ano celebrou o seu 20º aniversario cunha xira de regreso. Biografía - Só o amor é real Tonhito de Poi é un home que soñou que era un Heredeiro da Crus cando estaba embarcado como cociñeiro no Mar Antilles, un barco de arrastre da flota de Riveira. Tivo a sorte de xuntarse con outros tolliños (Tuchiño, Avelino,O Jran fran e Javi) que tiveron o mesmo soño. O primeiro ensaio dos Heredeiros da Crus foi nun galiñeiro en Poi no ano olímpico de 1992. O seu 1º debut foi na festa da Dorna. O primeiro disco, A cuadrilla de pepa a loba, sae un ano máis tarde e conmociona o panorama musical. Despois seguiron 7 discos máis incluído o primeiro directo de Rock en galego. Foron reclamados para tocar dende Londres ata N.Y. Os Heredeiros da Crus saen nos libros de texto da educación primaria e da universitaria. No ano do Prestige, Tonhito de Poi sinte a chamada á gran rebelión e embárcase nun proxecto galaicoportugues que lle implica 3 anos de traballo. Nace A Banda de Poi e no seu disco MOR participan algúns dos artistas máis vangardistas da terra lusa e galega. Mención especial ó desaparecido Juca Rocha, mestre do Hammon que tocou con Elton Jhon e deixou no disco auténticas xoias. A Banda de Poi sorprende tanto pola estética musical, unha fusión da sintesis e rock, coma por cancións como a de Prisciliano e di que é o está enterrado na Catedral de Santiago. A Banda de Poi foi presentada oficialmente en Novembro do 2005 en Santiago de Compostela na Sala Capitol e en Portugal no festival internacional de Vilar de Mouros. Tonhito de Poi recibe esta vez a chamada do instinto, atraca a porto A Banda de Poi e monta a “manada” Rasa Loba, formación contundente e precisa de guitarras, baixo e batería. Nesta nova aventura os Rasa Loba só precisan dun enchufe para tocar e fano practicamente tódolos días do verán do 2007. As letras exploran na natureza humana. Sacan un disco chamado Instinto Tonhito de Poi tamén é un lobo solitarios: adoita percorrer cafe-teatros de toda Galicia cun formato acústico bautizado como “Vestido perdo moito” ou “A Pelo”. Un espectáculo inspirado no epitafio: Nada trouxen, nada levo, nada perdín. Onde tenta resolver canción a canción cal é o sentido da vida e convencernos de que só o amor é real. No 2011 Tonhito de Poi estreou unha nova banda e un novo proxecto: Maruja da Cansela, unha carta de amor escrita por un emigrante galego nos anos 20 que Tonhito de Poi converteu en canción, e que se presentou como single xunto a un videoclip. E chegou 2012, o ano da fin do mundo polo calendario maia. Diante desa expectativa, Tonhito de Poi botou os restos: en marzo os Heredeiros da Crus volveron aos escenarios nunha espectacular e esperadísima xira logo de oito anos separados. E fixo unha outra viaxe, aínda máis determinante: viaxou ao máis fondo da selva amazónica para descubrir a Verdade en varias ceremonias da man do chamán Ramón Peregrino. Unha experiencia que converteu nun libro-disco que se presentará en decembro na Coruña. www.tonhitodepoi.eu facebook.com/tonhitodepoi