Festival de Verán-Encontros Musicais de Ames 2014

Leilía e Os Cempés participan no Festival de Verán-Encontros Musicais de Ames
Presentouse no pazo da Peregrina o Festival de Verán-Encontros Musicais de Ames, que terá lugar os días 4 e 11 de xullo nese mesmo recinto. O alcalde amiense, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacaron que se trata dun evento que aposta pola cultura galega e que a entrada é de balde.
Segundo os representantes municipais, o obxectivo do evento é «impulsar a nosa cultura e a nosa lingua», achegándolle á cidadanía produtos culturais de calidade en lingua galega para todos os públicos, «especialmente para a mocidade e para un público».
O festival conta co apoio de AGADIC - Cultura no Camiño 2014. Por el pasarán artistas e grupos que se expresan na nosa lingua, como Os Cempés, Leilía, Cé Orquestra Pantasma, A Requinta da Amaía, Dani García e Gonçalo Guerreiro. Todos eles farán as delicias do público cunha proposta cultural deseñada para desfrutar do verán en Ames.
Programación
Venres, 4 de xullo:
  • 20 h: Cé Orquestra Pantasma. O clásico home orquestra na súa versión para os máis pequenos.

  • 21:30 h: A Requinta da Amaía. Obradoiro baseado na participación do público. Música en directo, xogos e sinxelas danzas de grupo.
  • 22:30 h: Concerto dos Cempés. O mítico grupo ferrolán presenta o seu último disco, Tentemozo.

— Venres, 11 de xullo:
  • 20:00 h: Dani García con Don Gelatti: comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras e a comunicación co público é constante e dinámica.
  • 21:30 h: Os sons do vento que pasa, de Gonçalo Guerreiro. Novo concepto musical: concerto de fados-­pop cantados en galego.
  • 22:30 h: Concerto de Leilía. Cando están a celebrar o seu 25 aniversario, Leilía volven sorprendernos cun espectáculo maduro e fiel ás súas raigames. Interpretarán pezas do seu último disco, ConSentimento.