OLLO O CAN

ASCENSO E CAÍDA DE “OLLO Ó CAN”


O grupo “Ollo ó Can”, nace no Porriño a principios do ano 1991. Nesa época os irmáns Moreira (Darío e Gabriel), propóñenlle a Alfonso Pato, que lles escriba unhas letras para crear un novo proxecto musical. Darío Moreira, un dos cerebros fundadores dos históricos “Na Lúa”, decide emprender un camiño en solitario, e convence primeiro ó seu irmán Gabriel (coñecido baixista da movida porriñesa dos 80, en grupos como “Supermiembro” ou “Callos Louriña”), e despois a Alfonso Pato, que daquela traballaba como xornalista na sección de comarcas do desaparecido “Xornal Diario”.
Os Moreira son fillos dun tintoreiro e Pato é fillo dun taberneiro, que teñen os negocios case pegados. Desa estrana combinación, só podía saír algo tan inclasificable como “Ollo ó Can”. Darío Moreira é o auténtico cerebro do grupo; Darío é un tipo dunha sólida formación musical (cunha brilante carreira de conservatorio), e tamén unha persoa amante da música tradicional portuguesa, da música brasileira, e sobre todo de todo o que teña que ver coa tradición arxentina, país no que pasou os primeiros anos da súa vida. Nalgunhas das letras nótanse claras influencias do tango ou da milonga.
Darío pídelle a Pato que seleccione algunhas das noticias máis curiosas que teña publicado no xornal, e intente facer unhas letras que se aproximen, na súa estructura, ós cantares de cego. A idea que ten Darío é partir dos cantares de cego, e desde aí, mesturalo coa súa idea ecléctica de música popular de diversos países. Desa idea xorden cancións como “O timo del Pariente”, “A Diviniña” ou a “Canción da cabra violada”. O tema “Ollo ó Can” é o único que non escribiu Pato; o seu autor é Florencio, e deste xeito, o grupo quere rendirlle o seu homenaxe, como figura indiscutible dos cantares de cego en Galicia.


A HOSTIA INVERSO 1993

Dous anos despois do seu nacimento (no 93) “Ollo ó Can” sacou ó mercado o seu primeiro e único disco, titulado “A Hostia Inverso” (Edigal).


Empregan a gheada de xeito case xeral, antes de que o fixesen os Heredeiros da Crus, cuns textos non menos “irreverentes” e provocadoras cós dos Heredeiros.


No seu único disco editado o grupo Ollo ó Can, “reflectiu fielmente o mundo rural do Porriño”.


As letras eran pouco amables; falaban de tahúres, inmigrantes recén chegados que despregaban a potencia sexual sobre as galegas, despiadados timadores de vellos, zoofílicos insaciables, ou curas pedófilos.

Con semellante repertorio, o disco foi arrinconado nos armarios das emisoras e só uns contados valentes se atreveron a pinchalo nalgunha emisora de corte marxinal.

 



Hoxe é un disco completamente descatalogado, peza de coleccionistas. “Ollo ó Can” segue a ter uns poucos pero fieis seguidores, que saben tódalas letras de memoria, e de cando en vez piden o disco nas emisoras, aínda que saiban que é rarísimo que o teñan.

Temas :

01 O Timo del Pariente
02 A Diviniña tiña o diaño no corpo
03 A potente Historia do Neghrito Mohamed
04 ¡Ollo ó Can!
05 Rillaconas
06 Canto che quero
07 Cura pinante
08 A Fortuna que fuxiu polo naipe
09 Milonga do araña
10 Canción da cabra violada


De esquerda a dereita, Gabriel Moreira, Alfonso Pato (daquela firmaba G. Pato) e Darío Moreira.

A vaca Pinta era a vaca da  casa de Pato e diante púxose súa nai, que se chama Mela porque súa avoa botouse atrás no último momento e non quixo facer a foto coa vaca.

Botaron toda a mañá para facela xa que a vaca estaba máis terca que dios.

Ese camiño está  en Cans, O Porriño,  e aínda se conserva igual coas rilleiras marcadas.






A acta de defunción do grupo pode dicirse que se extendeu no verán do ano 1994. “Ollo ó Can” foron contratados para a Festa do Pemento de Arnoia, posiblemente confundíndoos con outra formación. Cando levaban tocados un par de temas,os seus bafles foron desconectados e Darío e Gabriel escoitaron atónitos o mensaxe da megafonía: “Después de la magnífica actuación del grupo “Ollo ó Can”, en breves momentos empezará a tocar la orquesta”. Un grupo demasiado indixesto para acompañar os pementos.

Cando decidiron disolverse, os “Ollo ó Can” estaban a preparar un segundo disco, que non chegou ver a luz. Se cadra, pensaron, que para volver a ser pezas de coleccionista, cun só disco xa abondaba.












Eiqui vos deixamos este video montado por Xulio Gomez co tema Milonga do aranha"