NELSON QUINTERO PRELANZAMENTO DE GHARBO!

Nelson Quinteiro escolle a súa vila natal, Cangas do Morrazo para o pre-lanzamento en exclusiva do que será o seu primeiro disco "Orquesta Gharbo!"

O vindeiro sábado 23 de novembro, dende as 21:00 h do serán o Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo vestirá raia diplomática para acoller o pre-lanzamento en exclusiva do disco "Orquesta Gharbo!", primeiro traballo discográfico de Nelson Quinteiro que verá a luz dentro de moi pouco e que é posible grazas a unha campaña previa de crowdfunding.

Para o acto, o artista cangués rodearase dos músicos da súa propia banda, a Banda Gharbo!, formada por Álex Lorenzo, Pulpiño Viascón, Fran Castro e Eduardo Méndez "Dubi" que veñen a aportar guitarras, zendrum, serrucho, piano, baixo, acordeón mi-di, saxo tenor, soprano ou frauta traveseira á voz deste cangués que tanto xoga coas polifonías vocais mediante pedais de loop e delay, escenas sonoras ou bases sampleadas.

Será ademais unha noite especial na que Quinteiro contará con un feixe de colaboradores, como a cantautora pop Silvia Penide, a cantante María López (Faltriqueira), os bailaríns Miguel Sotelo e María Casaleiro ou un coro de homes do pobo de Cangas coa colaboración do Centro de Educación Permanente de Adultos (C.E.P.A).

A entrada, a 8 € por localidade estará dispoñible na billeteira do Auditorio Municipal de Cangas o mesmo día da función. Poderase adquirir por anticipado a 6 € nos locais mecenas do disco "Orquesta Gharbo!" en Cangas: Agarimo Regalos e Complementos (Montero Ríos nº 1) e Salón Avilés (Salón de Beleza Unisex San José, nº34 bajo) ou tamén por internet.

ESPECTÁCULO INFANTIL SIMULTÁNEO !
Como novidade, o espectáculo contará cun servizo de actividades infantís simultáneas, que se celebrarán nunha das dependencias do propio auditorio municipal, para que os amigos e amigas con cativos/as poidan desfrutar do espectáculo musical namentras os pequenos/as desfrutan de actividades especialmente deseñadas para eles/as.
Trae ós pequen@s ás 20:15 h ao Auditorio Municipal para a asignación de butacas e planificación da actividade. Servizo gratuíto.

+ INFORMACIÓN:

www.gharbo.org

647 647 404