Luar Na Lubre gravará o seu próximo videoclip en Muxía



Luar Na Lubre gravará o seu próximo videoclip en Muxía

O pasado 7 de marzo Bieito Romero, líder de Luar Na Lubre, ofreceu unha rolda de prensa en Muxía na que anunciou que a banda folc coruñesa gravará a finais de abril o seu próximo videoclip nesta localidade da Costa da Morte.

O vídeo gravarase con varias cámaras e un dron en varias localizacións desta vila, entre elas o entorno d’A Barca e o albergue Bela Muxía, un local de referencia para a cultura da comarca.

Este video-clip poñerá imaxes ao tema ‘The Sailor Hornpipe/Pasacorredoiras’ do último disco do grupo, ‘Extra Mundi’, que foi publicado por Warner Music a finais do ano pasado. É un tema tradicional de orixe británica e carácter mariñeiro.


Mini-concerto aberto ao público


As imaxes serán gravadas o día 30 de abril se as condicións meteorolóxicas o permiten. Para iso Luar na Lubre ofrecerá un mini-concerto acústico no albergue Bela Muxía, que será gravado e que está aberto á participación do público. Quen queira participar (e aparecer así no videoclip) terá a oportunidade de facelo participando nun sorteo a través das redes sociais do grupo.


30 anos de Luar Na Lubre


Neste 2016 Luar Na Lubre está a celebrar por todo o alto que cumpren 30 anos de existencia, cunha xira por toda a Península presentando o seu último álbum, ‘Extra Mundi’. Trátase dun traballo con 14 temas no que hai versións de cancións tradicionais doutros países ademais de creacións propias e adaptacións de temas galegos.



Máis info sobre Luar na Lubre en:
http://musicaengalego.blogspot.com.es/2011/06/luar-na-lubre.html