TRASPES & XARABAL O CARME
POR QUE ESTE ESPECTÁCULO?
Tanto a A.C. Traspés como a A.C. Xarabal, estan ligadas á música de Galicia, se ben, dende ángulos e puntos de vista alonxados.
Por un lado, dende Traspés, buscando a parte máis tradicional e antiga do folklore, e dende Xarabal,
introducindo a música tradicional en ámbitos e formacións máis modernas, dando cabida á multitude de músicos
vinculados coa música galega. Precisamente por isto, por esta diferente realidade e tomando este proxecto como un reto,
xorde a idea deste espectáculo, que dá sentido a esta sorprendente fusión.
POR QUE "O CARME"?
O I Espectáculo Traspés & Xarabal é unha viaxe no tempo. Un día de Festa maior.
En todas as parroquias de Galicia realizábanse e realízanse festexos arredor dunha data, o día da Patrona.
Nós escollimos unha das festas patronais máis comúns da nosa xeografía galega,
unha terra cunha importante vinculación ao mar: “O Carme”. Condensaremos en apenas dúas horas de espectáculo,
un día completo de celebracións, dende a alborada madrugadora, ata a verbena máis trasnoitadora.
Estarán presentes no espectáculo músicas e bailes das catro provincias, melodías e cantos populares, en definitiva,
o repertorio máis representativas da nosa música tradicional.
“O CARME” DESENVOLVERASE EN TRES ACTOS:
ACTO I: O primeiro acto céntrase na mañán. A parte máis seria e ceremonial deste día de festa.
Consta de dúas partes á súa vez: a alborada, na que os gaiteiros tocan de mañanciña polas corredoiras da parroquia,
e a música que rodea á misa maior, tanto antes como despois da celebración da mesma.
ACTO II: O segundo acto correspóndese coa parte central do día. Nas casas hai convidados á mesa,
na praza do pobo hai tamén xantar de convivencia veciñal. Hai boas viandas, viño nas mesas,
boa compaña, e ambiente festivo nas sobremesas, que propician a música e o baile improvisado.
ACTO III: O terceiro e último acto correspóndese coa última parte do día, a tardiña e a noite.
No campo da festa temos A VERBENA, a festa propiamente dita. Diferentes agrupacións populares amenizan este día.
O pobo disfruta do baile, alongando unha noite que ninguén quere que remate.