Carta ao Director: "FEIJÓO E AS SÚAS GAITAS" Colectivo en Defensa da Gaita CDG



 



Feijóo e as súas gaitas 

Algo pasa cando no acto público de investidura do Presidente da Xunta de Galicia en vez de soar música galega, como sería o máis lóxico, soa un invento híbrido de gaitas marciais e percusións escocesas acompañadas de malabarismos e bastóns de mando circenses. 

Algo pasa cando dous presidentes galegos falan e falan de Galicia pero diante dunha agrupación pseudo-galega que representa máis ás lonxanas Highlands de Escocia que a súa propia terra. 

Algo pasa cando bandeiras galegas e instrumentos que nada teñen que ver con esas bandeiras comparten escenario con músicos que desnaturalizan ao extremo máis absurdo a música que fan. 

Algo pasa cando os que senten autoodio, desprezo e un incompresible complexo de inferioridade musical son os mesmos que presumen de representar a súa terra e de exportar un modelo de banda de gaitas copiado que nada aporta á cultura galega. 

Algo pasa cando a xente aplaude e asume como propio o que non é de aquí, normalizando música importada dunha cultura tan respectable como a nosa. 

Algo pasa cando seguimos pensando que o único importante  son as viaxes pagadas por todos nós, os premios e recoñecementos internacionais que moita xente non recoñece por cuestións máis que evidentes. 

Algo pasa cando os que din que hai que mollarse por Galicia son os mesmos que permiten que cando mexan por nós teñamos que dicir que chove. 

Algo pasa, si, algo está pasando dende hai máis de 25 anos desta copia malfeita, pero hai algúns que non queren saber nada porque só lles interesa falar desa Galicia que, paradóxicamente, non é capaz de recoñecer a súa música. Por moito que nos queiran convencer. 

Colectivo en Defensa da Gaita (CDG)


En representación do CDG:

RICARDO CASÁS SALGADO 

LUIS GARCÍA CORRAL 
RAMÓN RODRÍGUEZ PALLEIRO