MEL, unha mosca agradecida.
A nova proposta de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, un equipo chamado a escribir e debuxar fermosas páxinas na cultura galega. Libros con alma, moi comprometidos socialmente, como xa amosaron anteriormente.
Neste libro disco atopamos versos como:
“unha é da cor do sol
ou dun pito pequeno
uns din que é amarillo
eu prefiro amarelo”.
Sen dúbida un poemario comprometido coa lingua galega, a favor da paz e no que atopamos e atrapamos a alma do poeta, todo iso xunto as marabillosas ilustracións dunha Luz Beloso que logra superarse, unha vez máis.
Neste traballo están acompañados polo bo facer de músicos de diferentes estilos: Miguel Alonso, Servando Barreiro, Malvares de Moscoso e Maese Pedrido.
Asi, podemos gozar de 8 cancións, que xunto á propia voz de Miguel Ángel recitando os seus poemas, conforman a parte musical deste libro; nova por canto os estilos musicais e a mistura de persoas procedentes do rap galego máis combativo (Pedrido e Malvares) xunto a un magnifico trobador como é Servando Barreiro – do que xa dimos conta na súa “A música das árbores”; e a presenza do cantautor Miguel Alonso (non confundir co autor Miguel Ángel Alonso Diz) autor de discos como “A noite dos cans”.
MEL , unha mosca agradecida
En definitiva 80 páxinas de amor e loita na nosa lingua que buscan sementar nos pequenos e pequenas, e non tan pequenos, unha visión diferente do mundo.
Editado por Nova Galicia Edicións.
http://www.novagalicia.com/
Obras anteriores:
a nena á que non deixaban ser feliz
o cullarapo Croque
O valente coello que quixo soñar
O soño de Esther