Os Raiados

Eran mediados dos 80 e fervía O Morrazo. Política, social e musicalmente. Os primeiros nudistas asomaban o cu por Barra (chupando nos inicios algunha que outra hostia do sector máis refractario da veciñanza), aparecían os primeiros punks e heavys, rulaba a drogha que non vexas, conflitos laborais e mobilizacións a esgalla en ambas beiras da Ría... Nese marco privilexiado xurdiron Os Raiados (1986-89), os primeiros en facer punk-rock usando integramente o galego, unha sacudida musical directa desde Moaña e Cangas. Suso, Nando, Javi e Lois. Dous deles involucrados ademais nas movidas teatrais que había pola comarca, exemplo dos vasos comunicantes entre proxectos que proliferaban nun Morrazo en efervescencia.

'Rock do foxo'

Facturaban punk-rock, con arrecendo aos primeiros traballos dos Clash e coetáneo do rock radical vasco, meténdolle horas no local de ensaio, bautizado como 'Caiajua'. Gravaron dúas maquetas, unha delas nos estudos da TVG e que funcionou relativamente ben por algúns locais do país, chegándose a pinchar en radios. Conseguiron tocar ao vivo naquela primeiriza TVG, actuaron tamén fóra de Galiza, con xira pola convulsa Euskadi do 'martxa eta borroka' de finais dos 80. Recoñecían que había xente coa teima de situalos como unha pegada alongada do rock radical vasco en Galiza mais eles optaron por manter as distancias: Galiza non era Euskadi, aclaraban, nin falta que fai, que cantarían Radio Océano. Postos a poñer etiquetas decidiron elixir a súa propia e definiron a súa música como 'Rock do Foxo'.

“Ideoloxía? Ben, poderíase dicir que tiramos cara á esquerda e o nacionalismo”, recoñecían nunha entrevista en 1988, mais puñan os puntos sobre os is: “Non somos políticos, somos xente de rúa que quere facer música e punto”.

Compuxeron temas afiados que tres décadas despois manteñen o pulso ('Soldados', 'Luisa', 'María'). Facturaron cancións con ritmos do rock'n'roll clásico ('Atrapados pola televisión'), pasearon polo ska kortatutarra ('Casquete polar') e non deixaron pasar a oportunidade de provocar, como en 'Enterro', cunha letra que hoxe en día os levaría a sentar na Audiencia Nacional.

Apartado especial merecen as letras. Textos e temáticas descoñecidas até entón – con permiso dos Resentidos- na música en galego. Do “Luisa nunca di nada / sempre está calada / avións de papel nubran o seu cerebro” ('Luisa') ao “Bárbaros empedernidos / chavalada sen sentido /aburridos poetas / nais solteiras de fillos subnormais” ('Chove na Veija). O galego facíase macarra e pasaba de letanías salvadoras para coller o pulso da realidade de vilas e barrios naquela altura. O que os Hertzainak fixeron co euskara Os Raiados fixérono co galego. “Patínanme as neuronas / se non hai dinitrol / farmacias de garda / autobuses dinitrol” ('Dinitrol'). “Nese momento chega a Garda Civil / Ustedes, ¿qué hacen? ¡Vengan aquí! / ¿Vamos todos cara a la pared !/ ¡Regístreles, Sánchez, no son de buen ver!” ('María). En 'Soldados' logran crear unha desacougante historia sen necesitar máis que dúas frases: “Unha vez ao día chamo ao teu portal / asómome á túa cabeza pero ti xa non estás”.

Herdanza

Botaron o feche en 1989. Non foi a fin de nada. A mecha prendera e Morrazo e a Ría tiñan pronto o nervio para o que viñese. E veu. Kaos (despois Soak), Keimakasas, Nabarraka, Stoupakráneos... Como un espello, na outra beira da Ría aqueles 80 e principios dos 90 tamén reflectían a rabia do punk-rock: Desvirgheitors, Juerga General, Kankro de Mama, Kruze de Kables, Unión Penosa... Vigo tamén sabía fabricar ruído.

Herdeiros? Para outorgar o título de vinculeiros habería que deixar O Morrazo, coller o 'ferry', desembarcar en Vigo e tirar cara o barrio de Coia. Por música e actitude, o relevo correspóndelle aos vigueses Skacha. Sen complexos, atrevéronse a meterlle o dente a 'Soldados', tema de referencia dos Raiados (“Escapaches do meu mundo / soio porque era meu”) saíndo ilesos. Nisto das versións, tamén Os Rastreros homenaxearon os do Morrazo en pleno apoxeo 'bravú'. No seu disco 'A Piñón Fixo, A Golpe de Pixo' (1996) aceleraron o 'Pandeirada salvaxe'

Pero iso xa é outra historia....

Un dos membros dos Raiados, Nando, acabou en Madrid, onde montou unha discográfica, Running Circle. A cousa foi como foi. Mellorou na seguinte aposta: no 1992 montou Boa Records, que comezou distribuíndo Dead Kennedys, evoluíu a se especializar en ritmos urbanos e hip hop para acabar abrindo unha colección específica para a música galega, 'Do Fol', que debutou co primeiro traballo dos Chouteira. Publicou, entre outros moitos, Berrogüetto, Os Cempés, Guadi Galego, Emilio Cao, Sés, Radio Cos... Un antiguo punk do Morrazo publicando música folk e rap desde Madrid? “Non me chames traidor” cantaban Os Raiados en 'Can de Palleiro'. Pois iso.