Mar Catarina, A Lagoa
Cibrán Tenreiro, Perillo
María Villamarín, Casas da Veiga
Xacobe González, A Cruz Alta
Foto de Mar Catarina
Esposa son un grupo de pop rítmico e rápido. Quitan cousas para non ter a tentación de usalas: as súas cancións teñen poucos acordes e poucas partes, a súa formación non ten baixo, a súa batería non ten bombo.
Esposa saltan, bailan e sorrín mentres cantan as súas cancións de pop rápido, e iso despista. A alegría da súa música e a naturalidade da súa actitude pode levar a pasar por alto as tensións que laten debaixo e que os fan ser un grupo atípico: as letras en galego retratan a personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais, as guitarras e as baterías nerviosas contrastan con dous sintetizadores máis atmosféricos, as voces femininas e as masculinas conflúen ás veces en temas eléctricos e velvetianos e ás veces nunha delicadeza que lembra aos Yo La Tengo máis sutís. Nin antigos nin modernos, nin banais nin
pretenciosos, todo o que hai que rascar debaixo da superficie leva a identificar neles a cualidade da mellor música popular: unha sinxeleza enganosa.
Señor de (2016)
O primerio Ep de Esposa ten catro temas en galego:
Autómata
As dúas Fridas
Disfraz de coello
Festa no camiño
O EP foi gravado e mesturado Bobby Perú en Ourense.
Portada de Leo Sousa.
Podedes escoitalo, descargalo, envolvelo para presentes... en:
https://esposa.bandcamp.com/
Xardin Interior (2017)
A miña idea de xardín interior é un espazo metafórico. Penso no coidado e o respecto que a miña nai pon no seu xardín ou na horta, eses lugares nos que traballa pero aos que vai tamén cando necesita relaxarse. Invirte tempo e cariño na labor minuciosa do vexetal, pero ao mesmo tempo alí cultiva e canaliza as súas emocións. Gústame imaxinar á miña nai florecendo por dentro e ao abrigo daquelo que nace dentro dela. De todos os coñecementos transmitidos, como a importancia da observación propia e sensible do que vemos e o que pasa. Sen catalogacións, sen orde, salvaxe. Estas cancións son unha foto do noso xardín agora, con todo abríndose paso á vez: as dúbidas, as expectativas, Internet, as rutinas, a busca, as noticias da semana, as ganas e a insatisfacción, o real e o imaxinario.
Producido por Bobby Perú
Gravado e mesturado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma www.terraforma-studio.com O Hío, Cangas do Morrazo
Masterizado por Martin Ballesta en Last Punch Mastering, Glasgow, Escocia
Editado por Prenom, 2017 Baixo unha licenza Creative Commons CC BY-NC
Esposa chegan con forza. Levan menos de de dous anos desde que se formaron en Santiago de Compostela, Galicia, e o 31 de marzo publican o seu primeiro disco de estudio co selo galego
Prenom (Chicharrón, Pantis, Elvis Negro...). O seu é o pop e refléxanse bastante no underground norteamericano dos anos noventa. Poderiamos dicir o moito que nos mola o seu primeiro álbum pero que mellor forma de explicalo disco que nas súas propias palabras:
Xardín interior é un disco que queremos que se pareza ao pop que máis nos gusta: accesible e entretido, pero cheo de tensións e misterio. As letras retratan a personaxes desubicados, obrigados
a medrar pero dubidando e con medo a tomar decisións.
Retratan o conflito entre a cabeza e o peito, a dificultade para atopar a nosa propia identidade e encaixar no mundo. Esa inquietude ás veces consegue inundar a música, pero a maioría das veces
choca coa forza de ritmos enérxicos, melodías vivas e a diversión que flota no ambiente. A xente normal tamén se fai preguntas. A xente feliz tamén se fai preguntas. Somos flores no lixo, bailando no contenedor.
Temas:
“Madreperla” é o que levan dentro as cunchas. Unha pátina brillante pero que non está á vista. É unha canción a dúas voces sobre tentar explicarse a un mesmo diante de alguén e non ser quen. Ás veces é delicada e ás veces, como no solo de teclado do final, ten certa forza elegante e maxestuosa, na onda duns Galaxie 500 máis contidos.
“Xardín interior” ten a lóxica dun soño: cousas inconexas e aparentemente absurdas pero que responden a algo que che comía a cabeza esa noite. É unha voz que advirte á protagonista das ameazas que hai arredor do proceso de medrar, así que hai nela certa tensión entre as paixóns e a inocencia adolescentes (que tamén están nas melodías bailables da música) e as ganas de dar leccións da seguinte xuventude. Sona como uns Vaselines máis funkis.
ESPOSA Xardín interior
Realizado por Rubén Domínguez.
Gravado no plató virtual da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Producido e editado por Prenom, 2017
Baixo unha licenza Creative Commons CC BY-NC
“Aquí” pretendía ser un rap e acabou sendo unha especie de discurso progresivamente desbocado sobre unha base velvetiana. Esta contradición aparente no musical sostén a exposición de contradicións que é a letra. É o tema do disco que máis baixa a terra e fala sobre as frustracións derivadas de ter unha rutina e un entorno que sempre están pechados a outras realidades. Ten un rollo entre Emilio José e Pavement.
“Autómata” fala sobre cuestionar as cousas ou facelas como se supón que teñen que facerse. Musicalmente cae máis ben no primeiro lado. Entra a saco sobre unha guitarra garaxeira pero non fai o que se supón do garaxe: cambia a potencia furiosa do xénero por unha especie de imitación vocal de ruidos robóticos na parte do medio, o tipo de chorrada que farían Devo. Así é tan divertida como seria, pero nunca aburrida.
“Bas Jan Ader” vai sobre a imaxe pública. Temos Internet para expoñernos á xente como queiramos,
pero hai situacións nas que isto se descontrola. Xogamos coa dúbida sobre que versión de nós
mesmos é a real. Hai unha desaparición e estamos celebrándoa bailando ao tempo que constatamos o
seu dramatismo. Por iso ten tanto guitarreo desbocado como suavidade.
“Sabe a limón” comezou sendo unha canción sobre unha vítima agria das expectativas propias e as dos demais. Pero temos a responsabilidade de fuxir do derrotismo, así que acabou por ser unha especie de advertencia en forma de trance dream pop: Ignora esas expectativas. Acepta a amargura e
camiña.
“Festa no camiño” é un tema enérxico sobre a tensión entre estar dentro e estar fóra. Dun mesmo
ou do grupo, dunha festa. Pódese bailar, pero na repetición da mesma frase ten un misterio que distrae
diso mesmo: non se pode estar en dúas partes á vez.
“As dúas Fridas” representa o conflito arredor dunhas sensacións. Hai dúas voces que poderían ser dunha mesma persoa, e que opinan cousas radicalmente diferentes partindo da mesma experiencia.
É unha canción sobre as dúbidas, pero non deixa de ter a seguridade e a sinxeleza dunha canción pop
pura como as dos primeiros Beatles.
“Vaciada” é unha versión de Fantasmage que sempre sentimos que falaba de nós. Fala de sacar
fóra sensacións, sentimentos ou a identidade. É case un resumo do mesmo que cantamos no resto do disco.
Ibán Pérez: trompeta e algúns sintetizadores en “Vaciada”
Esta é a única canción non composta por Esposa, é de Fantasmage.
“Disfraz de coello” retoma a idea de “The morning of our lives” de Jonathan Richman e os Modern Lovers. Alí el cantáballe a unha amiga que non cre en si mesma para dicirlle que el si que cre nela e que a quere, e que vela facerse de menos faille mal. Cantámola todos a berros sobre esa base frenética rollo Feelies, para lembrárnolo uns aos outros. Así conseguimos rirnos en vez de deprimirnos.
”Okey” cuestiónase como de especiais somos. Pero, como é habitual, tampouco chega claramente
a ningunha conclusión. Queda no medio, equilibrada ou indecisa entre as dúas voces e os dous sintes, entre o pasado e o presente.
“Extraterrestre” ten un aquel aos Yo La Tengo máis calmos, porque tamén ten algunha explosión
eléctrica de vez en cando. A letra vai sobre a capacidade para adaptarse aos cambios do noso entorno, como unha invasión extraterrestre. Así que, como a música,ten algo de violencia pero tamén serenidade.
Contacto: eesposaa@gmail.com
Booking: booking@parvo.gal
PRENOM: ruben@prenomlab.com